Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Voyager

Hey!

Hai un recordo que pode parecer pouco relevante para quen observa a escena desde fóra, mais non para min. É deses sucesos que nunca esqueces. A miña infancia foron os anos oitenta e, polo tanto, pertenzo a esa xeración que viviu os últimos anos dos dous rombos e da carta de axuste. E, malia que era moi pequena, coñecín a Naranjito e cantei con entrega polo Nadal a melodía de «Las muñecas de Famosa se dirigen al portal...».

Ás veces ía camiñando á escola, cando me tocaba unha actividade extraescolar. Eran uns vinte minutos de traxecto desde a casa en que viviamos, por unhas estradas onde había monte e casas, mais non existían as beirarrúas. Nun territorio sen humanizar, as cunetas era a nosa patria. Preto da escola onde estudaba había un serradoiro. Eu estaba en sexto de EXB, o que significa que tiña once anos. Cando me atopaba preto do serradoiro, empezaba a angustiarme. Sabía que os homes que traballaban alí ían berrarme cousas que eu non quería escoitar. Sabíao porque sucedía sempre que pasaba por alí diante. Era algo que tiña absolutamente interiorizado e repetíame: «Van empezar a berrar, non os escoites, pensa noutra cousa, acelera o paso, non vai pasar nada; nunca pasa nada».

Digo con sinceridade que non lembro o que dicían. Ouveaban imaxino o que eles considerarían cumpridos, pero que para unha nena de once anos era unha escena aterradora. Ese mesmo ano, no 1990, estreouse Twin Peaks en España. Curiosamente, na serie había un serradoiro e cada escena era un niño de desacougo. Na miña lóxica infantil, dei por feito que os serradoiros eran espazos de perigo. O 1990 tamén foi o ano en que tivemos oportunidade de coñecer a las Mama Chicho. Pouco despois, Jesús Gil, presidente do Atlético de Madrid, popularizaba as súas intervencións dentro dunha piscina, rodeado desas mulleres en bikini no que foi definido coma un programa de entretemento.

O ano 1990 tamén foi aquel en que Julio Iglesias acaparaba portadas de revistas do corazón que anunciaban o final da súa relación sentimental coa modelo Vaitiare Hirshon, que comezou cando ela tiña dezasete anos e el estaba ás portas dos corenta. No ano 2010, Vaitiare publicaba unha biografía titulada Muñeca de trapo. Hai algúns parágrafos especialmente significativos: «La noche que cumplo 18 años me entrego a él con la felicidad de la primera vez. Cuando él me penetra, siento que todo queda atrás». «Julio me da cocaína. No quiero aceptar: he estado libre de drogas durante meses. Él insiste y, finalmente, inhalo la raya. Luego hacemos el amor».

A casualidade quixo que onte empezase a poñer orde na miña biblioteca e atopase un exemplar da biografía que Hans Laguna publicou en 2022 en Contra: Hey! Julio Iglesias y la conquista de América. E cito textualmente: «En Estados Unidos, Julio Iglesias se convirtió en un fetiche para las señoras blancas de clase alta; en 1984 la revista Time lo llamó «el sex symbol de la menopausia», capaz de «revivir a las mujeres maduras, especialmente las que están deprimidas y no tienen ilusiones». Fueran las criadas o las señoras que las contrataban, el caso es que Julio era «el héroe de las amas de casa», como lo calificó el semanario británico News of the world». No medio do libro atopei un marcapáxinas. Aparece a cabeza do cantante rodeado de mulleres que o apertan e o miran embelesadas. A imaxe é bastante impresionante. Creo que tamén o sería para min antes de que se fixera pública a investigación que levou a cabo Eldiario.es durante tres anos, un escándalo que acapara toda a atención mediática e que, por algunha razón que non acabo de dixerir, dá pé para que personaxes coma Ramón Arcusa teña voz para dicir publicamente que «se te violan durante meses e non denuncias non é violación, senón unha relación consentida». Desde aquí expreso o meu profundo agradecemento ao excompoñente do Dúo Dinámico (non esquezamos que a canción que popularizou a súa formación musical foi ‘Quince años tiene mi amor’), por explicarnos ás mulleres que é ou que non é unha violación, e que temos que facer cando nos violan. Non me queda espazo para dedicarlle unhas liñas á defensa que fixo Ana Obregón do cantante. Mais never forget que tamén defendeu a Jeffrey Epstein e logo mostrouse horrorizada das súas propias declaracións.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents