Homenaxe ao doutor Darío Álvarez Blázquez
Xosé González Martínez
A Irmandade da Sanidade Galega (Isaga) vai celebrar o próximo día 25 en Tui unha homenaxe ao médico, galeguista e humanista don Darío Álvarez Blázquez. O acto terá unha parte académica no Auditorio Municipal Espazo Cultural ás 12.00 horas, e inmediatamente despois, nos Xardíns dos Álvarez Blázquez, develarase unha peza en bronce coa súa efixie elaborada polo escultor José Molares.
Falar do doutor Darío Álvarez Blázquez en Tui é falar dunha saga familiar fundada polo seu pai, tamén médico, don Darío Álvarez Limeses fusilado pola barbarie franquista o 30 de outubro de 1936. Foron días, meses de terror que deixaron unha forte pegada emocional na súa familia que vivíu coa raiba e impotencia aquel luctoso suceso.
Coñecín ao doutor Darío Álvarez Blázquez en 1965 nunha tertulia que se celebraba na rebotica de Domingo Fernández del Riego na rúa do Príncipe. Daqueles demorados parladoiros souben as vicisitudes polas que tivo que pasar a súa familia. Sempre o aseñorei. Para min era don Darío. Sen embargo, aos seus irmáns Xosé María, Emilio e Álvaro, que tamén tratei moito, atuavaos (tratábaos de ti).
Don Darío e os seus irmáns formaban unha piña familiar da que tamén formaban parte os seus fillos e sobriños. El era o pater familias de todos eles. Foi moi respetado polos galeguistas de Galicia do seu tempo. Participaba cos seus irmáns en proxectos culturais como Edicións Castrelos, que dirixía Xosé María, e da Serigrafía Galega, a primeira industria artesanal no seu xénero que houbo en Galicia, rexentada por Álvaro. Do seu obradoiro sairon as pegatinas que levaban moitos automóbiles demandando «Galego na escola» e «Falemos galego», e infinidade de serigrafías de obras dos pintores galegos máis afamados naqueles anos. Nalgún momento homenaxearemolo. De Emilio, que foi chanceler do Consulado da República Oriental do Uruguai en Vigo temos que dicir que deixou gratas lembranzas nas moreas de galegos emigrados a aquel país.
O que sempre admirei do doutor Darío Álvarez Blázquez foi a enteireza que amosaba na defensa dos principios democráticos e galeguistas. Tiven ocasión de coñecer en 1981 a dona Josefa Garcia Segret á que lle fusilaran o seu home, mestres ambos os dous no concello de Tomiño. A dona Josefa, que tiña unha condea de pena de morte, salvouna do pelotón de fusilamento don Darío certificando a súa gravidez para impedir a execución da sentenza. Como o tempo pasaba e a mentira non se podía seguir mantendo máis tempo, acudíu don Darío á prisión de Tui solicitando permiso para visitar á presidiaria. Cunha enteireza propia dunha persoa con altos valores morais extendeu unha certificación sen tremerlle o pulso na que acreditaba que a reclusa acababa de abortar. O director do presidio acreditou na certificación. Daquela aventura solidaria salvaron as vidas don Darío e dona Josefa á que logo lle conmutaron a pena de morte por outra perpetua. Esta historia deixouna escrita nas súas memorias Abajo las dictaduras!.
Hai que ter moitas conviccións éticas para arriscar tanto naquela actuación que ben lle puidera custar tamén a el a vida. A súa afouteza permitíulle participar nunha rede de axuda a fuxidos do franquismo. De todo isto deixou constancia nunha serie de artigos publicados pouco antes do seu falecemento. No ano 1947 estivo preso no cárcere de Vigo cos escritores Francisco Fernández del Riego e Valentín Paz-Andrade, co avogado Roberto González Pastoriza, o médico Ramón Baltar e o rexistrador da propiedade Alejandro Otero por militaren na UIL (Unión de Intelectuais Libres).
Os seus fillos Alfonso (avogado) e Darío (cardiólogo), grandes amigos meus, tributáronlle sempre ao seu proxenitor un profundo cariño e sinceira admiración.
Ambos os dous foron presidentes da Asociación Cultural de Vigo sendo eu secretario. Moitas veces, anos despois, cando lembrabamos aquelas escenas esperpénticas protagonizadas polos policias da Brigada Político-Social en todos os actos culturais programados ainda nos alporizaban. Situábanse os catro ou cinco que eran no fondo do local na derradeira fileira de sillas e ás veces erguíanse para ameazar en alta voz: «Le advierto al conferenciante que se está saliendo del guion autorizado por el Gobierno Civil. Si sigue haciéndolo suspenderemos la conferencia y lo llevaremos detenido a Comisaria».
Imaxine o lector e lectora a situación violenta que creaban aqueles energúmenos na sala. Don Darío e os seus irmáns, case sempre presentes, sentían o arreguizo que tiñan metido a lume no corpo despois das desgrazas polas que tiveran que pasar. Por certo, arrepentínme de terlle pedido a Xosé María Álvarez Blázquez un posto de traballo para un poeta xa falecido, que tivo covardía de escribir un gabancioso poema dedicado a Franco que empezaba así: «A ti, meu Xeneral e Caudillo de España». Cando Xosé María soubo da súa publicación nunha revista da 8ª Rexión Militar, falou cos seus irmáns, que recibiron a noticia con moitísima tristura. Xosé María chamoume para que fose velo á editorial. Recibíume chorando. «Mira, le isto, díxome, non podo soportar o comportamento deste rapaz». Decontado citei ao poeta e despois de pedirlle explicacións polo feito, e non satisfacerme, expulsámolo da UPG. Algún día terei que contar como determinados próceres do nacionalismo o rehabilitaron e reintegraron na organización dous anos despois. A don Darío débeselle que as primeiras misas en galego se puidesen oficiar nos templos das monxas do Asilo e das Trinitarias, das que el era médico, ata que as inxerencias hostís do bispo da diocese de Tui-Vigo, Frei José López Ortíz, que ostentaba ao tempo o emprego de xeneral castrense, obrigoulles ás relixiosas que impedísen as celebracións litúrxicas en galego nas súas igrexas. «Don Darío, lo sentimos mucho , pero nosotras debemos obediencia al señor obispo», dixéronlle.
O monumento coa efixie en bronce de Don Darío Álvarez Blázquez permanecerá para sempre no seu Tui natal para perpetuar a súa modélica memoria para exemplo dos tudenses.
*Xosé González Martínez é presidente do Foro E. Peinador
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- El transporte escolar en Galicia, bajo vigilancia especial desde este lunes
- Las cofradías retiran lotes de almeja de las lonjas por la caída de precios
- Vecinos de Vigo denuncian destrozos en sus viviendas por obras ajenas: «Quieren sacarme de mi casa»
- La nueva hucha de pensiones se llena en Galicia a tres millones por semana
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito
- Cuarentones que consumen ‘coca’: el perfil del infractor al volante en Vigo