Viaxeiros tranquilos pola ría

AFONSO FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ

Un lector do FARO observa “ansiedad social” nos viaxeiros dos barcos de ría polo seu comportamento antes de desembarcar. José María Brea (médico) escribe, na primeira parte da súa carta ao director do 8 de outubro, que a xente se “apelotona” á saída antes de que o barco chegue ao porto. Para el, este comportamento demostra que ese mal da sociedade está en todas partes. “¡Que angustia!”, chega a exclamar.

Sorpréndome a ler isto e case me asusto. Estráñame de non darme conta de nada do que expresa o doutor. E iso que son un viaxeiro de toda a vida no barco de Cangas e con dúas travesías semanais á hora de máis público. Ata dubido do meu criterio ante a opinión dun profesional.

Pois é normal que a xente se dispoña para saír da embarcación antes de que atraque. Pero nunca notei que se dera cobadazos para acceder as ramplas do embarcadoiro nin escoitei voces ansiosas para baixar a terra antes. Ao contrario, cédese o paso aos demais viaxeiros.

Así que lle digo ao doutor Brea, con todo o respecto, que se tranquilice e que non se angustie. Que a xente do Morrazo teremos os mesmos traumas que as demais persoas pero que evite diagnosticarnos un trastorno de ansiedade social só por vernos a cola para saír do barco.

En fin, que atravesamos a ría moi tranquilos. Sempre que non cadre un dos poucos días de temporal, claro.

Tracking Pixel Contents