Distinguido señor:
Por medio dun amigo da miña irma Lola puiden saber que hoxe cumpre cen anos, un feito que non acontece todos os días. Non digo á mesma persoa, o que é evidente, se non entre as persoas que compoñen una comunidade. Logo isto merece unha felicitación. Permítame daquela, malia non ter o gusto de o coñecer persoalmente, lle entoar o feliz aniversario. Uns parabéns verdadeiros e sentidos, mais tamén unha miga egoístas. Porque non lle oculto a miña curiosidade por coñecer o segredo de tan longa vida. Se cadra, máis dunha persoa estará a pensar que isto é unha parvada, que tras disto non hai máis do que unha xenética privilexiada. Pero, claro, Jorge, o amigo da miña irmá, que o coñece ben, conta da súa triple formación educativa, do seu percurso vital..., e a cousa cambia. Dáme por pensar que unha persoa á que non lle chegou con ser mestre, e se licenciou tamén de químico e farmacia, algo de mérito debe ter neste excepcional fenómeno da Natureza, alén da súa propia. E matino que algún dos escolares, home ou muller -un escolante atento sempre aprende do seu alumnado- lle deu involuntariamente unha pista por onde se meter..., que entre matraces e tubos de ensaio descubriu algo benéfico para a saúde, ou que este algo lle chegou a través dalgún dos moitos fármacos que neses longos anos de longa vida profesional pasaron polos andeis da súa farmacia da avenida Buenos Aires.
Ben sei que, de así for, non sería vostede tan egoísta de o manter oculto para o seu único usufruto. Aínda que tan só fose polos beneficios económicos que tal descuberta tería traído á súa vida. Mais acontece moitas veces que un non é consciente da bondade que lle reportan certos hábitos e prácticas mantidas no camiñar do tempo. Sexa como for, Don Generoso, vostede hoxe cumpre 100 anos de vida e merece toda unha grande celebración. Esa festa que lle dá a familia, onde tamén vai estar presente o seu amigo Jorge Sales, laureado economista, o amigo da miña irmá.
Unha festa para celebrar ter chegado até hoxe cun envexable estado de saúde física e mental, logo de ter atravesado por boa parte de dous séculos. Cando penso na súa condición de testemuña progresiva do reinado e abdicación de Alfonso XIII, coa ditadura de Primo de Rivera polo medio, da República constituínte, do golpe de Estado de Franco, da Guerra Civil do millón de mortos, da longa ditadura franquista, da controvertida “transición democrática”, das, cada vez máis claras, intencións do inconcluso golpe de estado de 1981, das aparentes bondades da primeira etapa da monarquía sucesoria e da que agora vai en curso, non podo deixar de sentir unha especial admiración. Non resulta difícil imaxinar a chea de historias e episodios que destas centurias aniñan na súa cabeza. Unha admiración que excita a miña curiosidade por coñecer as respostas a estas miñas disquisicións. Unha persoa como vostede que viviu tantas experiencias, tantos momentos diferentes, ten que ter encontrado respostas para moitas das cuestións que atinxen ao ser humano no seu paso pola vida. Gustaría de as coñecer. Non quedar na incerteza. Entrar no seu segredo. Que tivese a ben me ensinar o as que leva na manga. Por favor, Sr. Álvarez Seoane...!
Sexa como for, Don Generoso, Deus siga gardando a vostede por moitos anos!