Despois de máis de cinco décadas ao servizo dos redondeláns, este pasado 29 de abril cerraba as súas portas definitivamente a ferretería Antonio Barciela de Redondela. Un negocio familiar durante dúas xeracións, especializado, entre outros, no servizo de fontanería. As causas non se deben á falta de vendas, económicas ou de mala xestión. Non. É un pechamento por xubilación. Ben que o sentimos, e ben que o botaremos en falta, xa llelo dixemos os seus clientes e amigos, os profesionais e os particulares: polo bo servizo, pola profesionalidade, pola confianza e polo asesoramento a todos os iniciados na bricolaxe caseira. A tenda de Antonio Barciela era moito máis que unha ferretería.

Antonio comezara de ben novo no comercio axudándolle á súa nai Josefa Testa, a iniciadora deste negocio nos comezos dos anos 70 do pasado século. Josefa era a muller que o sabía todo de ferramentas do oficio, de accesorios e de tipos de tubaxes: de chumbo, de ferro, de cobre, de polietileno… de tipos de roscas, de bridas, de cóbados, de tes, de válvulas, de empataduras, de reducións… Gloria haxa para Josefa.

Antonio, o seu fillo, incorporaríase ao negocio en 1975. Tivo unha boa mestra e o negocio sempre se distinguiu polo bo facer e o bo trato. Imaxinamos que tomar esta última decisión de peche non debeu de ser menos dificultosa que a de botar a andar o comercio no seu día. O pasado día 29 de abril, un grupo de clientes e amigos ofrecéronlle a Antonio, o traballador incansable, así como ao seu empregado Miguel Testa e a Manuel Seijas (xa xubilado), unha sinxela e emotiva despedida no almacén da ferretería.

Antonio pasou máis de 40 anos laborando no seu establecemento, ordenando toda a súa vida arredor do traballo, sen pensar que un día deixaría de facelo. Pero ese día chegou.

Esta nova etapa hache producir unha certa vertixe. A vida vaiche regalar o tempo libre que até o de agora non tiveches; por tanto, hoxe coma hai 40 anos, tes que comezar a aprender. Este tempo é un regalo que tes ben ganado. Xestiónao tan ben como fixeches co negocio, para sacarlle o máximo proveito e gozalo como mereces.

Parabéns, saúde e alegría!