O mundo xira en inglés dende fai moitos anos, impúxose como idioma universal supoño que por causas relacionadas co poderío económico e o seu dominio cada vez é máis hexemónico sen atopares resistencia.

Xa non se pode escoller, para a xente nova é unha imposición, un imperativo, non tes opción, salvo que teñas a sorte de nacer en Perth, Bristol ou Tucson, entón si podes viaxar polo mundo enteiro sabendo únicamente o teu idioma, e son os demáis, alá onde vaias, os que teñen a “obriga” de entederte. Valga coma exemplo dous famosos futbolistas británicos que viviron moitos anos en Madrid e non necesitaron aprender nin unha palabra en castelán.

Dende logo aprender inglés ten valor de seu, coma calquera outro idioma, é algo importante no xeito en que está organizado un mundo globalizado, que suma como coñecemento, coma faino saber cociñar, tocar un instrumento ou xogar o xadrez.

A influencia do inglés vai máis alá do idioma e a súa aprendizaxe case que obrigatoria, estamos inundados de innecesarios anglicismos, domina a publicidade, as competicións deportivas, a moda, hai incluso certa idealización da cultura anglosaxona e os rapaces e rapazas levan camisetas de UCLA ou NYPD, e non, por simple analoxía, da Universidade de Vigo ou dos Bombeiros.

Nunha cidade coma Vigo onde predomina o castelán e o galego vaise arrinconando, vexo con tristura coma se segue a corrente anglófona dende o noso Concello, subvencionando o Pilivigo coas súas sudaderas onde loce un incomprensible “Vigo en Inglés”. Eu, dende logo, prefería que a mocidade de Vigo, xeración orfa de aldea, pasaran esas tres semanas nun instituto de Rianxo ou de Foz e non en Leeds ou Birminghan, descubrindo Galicia fóra da burbulla que supón a cidade.

Paleto que é un.