Mijaíl Gorbachov, derradeiro presidente da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, pertence a esa rara especie de políticos. Foi unha das grandes personalidades do século XX, que non foi capaz de alcanzar o seu obxectivo de modernizar e democratizar o sistema comunista e de crear un réxime socialista con rostro humano.

Gorbachov era un animal político coas habilidades necesarias para moverse e ascender no mundo da nomenclatura soviética, un universo cheo de intrigas polo que ascendeu dende o máis baixo ata o máis alto. Rompeu coa lóxica propia do gobernante autócrata, cuxa tendencia natural é a de acumular e centralizar máis e máis poder na súa persoa. Feito que non tiña precedentes na secular historia rusa e foi interpretado como unha debilidade pola arcaica e tradicional mentalidade da sociedade. Cría na democratización e suicidouse politicamente en aras desa crenza, porque en Rusia foi un xeneral sen exército para aquela causa. O seu proxecto presentábao non só como un intento por promover unha serie de reformas que mantiveran con vida á URSS senón tamén, como un intento de alcanzar os obxectivos orixinais de 1917.

Durante a súa vida política foi un socialdemócrata, pero un socialdemócrata nas condicións da Unión Soviética, un universo sen poder financeiro, sen propiedade privada e onde o político dominaba ao económico. As súas primeiras medidas apuntaron a remover o país do adormecemento xeneralizado, plan que se coñeceu como perestroika, que culminou coa supresión de todos os monopolios públicos. Gracias á política de glasnot, conseguiuse certa liberdade de expresión e transparencia, que permitía atravesar a parede da propaganda e ver como funcionaba realmente o sistema.

A sociedade rusa criticou ferozmente a Gorbachov e preferiu seguir a caudillos como Yelsin, ou logo Putin, moito máis tradicionais. Gorbachov non foi responsable da creación do actual sistema político ruso, un conglomerado de estatismo moscovita e capitalismo parasitario de magnates. O sistema político da Rusia de hoxe é fillo de Yelsin, e de Occidente, tanto ou máis que da tradición soviética.

En política internacional, centrouse na cancelación do conflito Este-Oeste coa idea de abordar os retos que ameazaban a toda a humanidade como a necesidade de vivir nun mundo integrado. Para lograr isto sería necesario desenrolar o enorme potencial do socialismo e propiciar unha nova civilización.

A súa carreira como presidente da URSS tivo luces e sombras, unha delas na operación da reunificación alemá, na que puido condicionar a reunificación coa firma dun documento no que se especificara a non ampliación da OTAN ao Este, aspecto que quedou en pouco máis que declaracións verbais de boas intencións do entón secretario de Estado de EEUU, James Baker.

Probablemente a URSS non era un réxime defendible, nin fose a súa caída a maior catástrofe xeopolítica do século XX, pero que a súa desaparición afastou á humanidade dun futuro humanamente viable é tamén unha evidencia.