Digo que as gaivotas son amigas miñas porque cando me paro a xantar preto do mar aí veñen. Ata aparecen antes de que descargue as alforxas da bici. Reclaman os anacos de pan que sempre lles levo.

Esperan pacientes mantendo unha estrita distancia de tres metros sobre o chan. A verdade, oxalá que se achegasen máis para apreciar os seus bonitos ollos con cores. Nada de lanzarse sobre a empanadilla que sosteño na man, como sucede ás veces cos bocadillos dos nenos na praia. Será por amizade.

O que si podo apreciar das gaivotas é o seu voo, especialmente cando enredan co vento, espectáculo marabilloso. Ceferino de Blas descríbeo fascinado no seu artigo “La danza de las gaviotas” (FARO, 30/5/2022).

Os hostaleiros quéixanse das perdas que lles ocasionan as aves por romper as copas cando se lanzan a comer as sobras das mesas. Síntoo de corazón, en serio. Estráñame que con toda a informática que nos rodea falte algún aparello que as afaste.

Un amigo fantasioso dime que eses ataques das gaivotas ás terrazas é un sinal de queixa porque invaden os espazos públicos de rúas e prazas. Segundo el, por vez de pór orde os alcaldes, actúan elas, alleas aos votos.