Estimado alcalde:

Recentemente un medio de comunicación dedicoulle a don Orencio Pérez González, maxistrado- xuíz que foi de Vigo, unha ampla reportaxe por mor da doazón ao Concello de Vigo de tres valiosos cadros de autores galegos.

D. Orencio Pérez González foi unha persoa íntegra e un profesional da xudicatura de inequívoco perfil galeguista que ditou milleiros de resolucións xudiciais en lingua galega cando foi titular do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución número 5 da cidade. Exerceu a función xudicial galegamente, sen dúbida e con firme continuidade no tempo. Con anterioridade, nun xulgado de Mataró onde estivo exercendo durante ano e medio aproximadamente, demostrou ser unha persoa sensible á integración e respeto por un idioma que non era o seu, estudando a lingua catalá para ditar sentenzas neste idioma, actitude que foi merecente de recoñecementos e louvas da Generalitat de Cataluña.

Foi cofundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia no ano 1982, da que anos despois agromaría a Irmandade Xurídica Galega, entidade que promove a utilización do noso idioma nos usos xurídicos, xudiciais e nos protocolos notariais. Foi pois un precursor do uso do galego na actividade xudicial. De aí que aos poucos anos de falecer instásemos ao Concello de Vigo a erixirlle un busto que actualmente está situado diante do edificio dos Xulgados para exemplificar a memoria dun xurista galeguista que en Vigo non tivera precedentes.

O seu mecenado ben merece, señor alcalde, que o Concello de Vigo traslade o seu busto ao seu espazo natural: a Cidade da Xustiza porque ese debe ser o emprazamento natural do monumento pola súa significación. Desta maneira a súa memoria pervivirá para que os profesionais da Administración de Xustiza, do Dereito e a cidadanía que acuda a dirimir os seus problemas perante aqueles órganos xurisdicionais secunden o seu exemplo.

Esperando que a nosa proposta teña a súa aceptación, reciba un cordial saúdo.