O patrimonio común é o que temos do portal do eido para fóra. Así nolo ten dito ducias de veces don Carlos Rodríguez Álvarez, cura da parroquia de Reboreda (Redondela): o río Alvedosa, a Fervenza da Feixa, os muiños de man común, as pozas de regadío, o Monte Comunal, o Colexio Público, as dúas bibliotecas públicas da parroquia, os petos de ánimas, os 9 cruceiros cos que contamos (un deles, o de Pousadouro, debuxado por Castelao no libro “As cruces de pedra na Galiza”), a capela de Santo Paíño, todos os camiños e carreiros, as fontes, os lavadoiros, o Prado do Carballo das cen Pólas, un lugar que está na literatura universal grazas á novela de don Ramón Otero Pedrayo “O señorito da reboraina”, a Sociedade L. Cultural, unha herdanza da antiga Sociedade Agraria, por tanto, unha casa cargada de historia, coa que nos corresponde ser consecuentes e responsables, o cemiterio comunal, o campo da festa e a Igrexa Parroquial de 1736… Na súa ábsida pódese contemplar un escudo coas armas dos Prego de Montaos, Sotomayor, Troncoso e Lira e os vascos Mondragón, como mecenas da súa construción de estilo barroco.

De todo este patrimonio somos responsables colectivamente os 2.200 veciños e, segundo o coidemos e tratemos, así ha de falar de nós.

Ben, todo isto o conto porque, como é sabido, a principios de marzo do ano que andamos unha chispa desfíxonos a cúpula do campanario, parte do tellado e removeu as pedras do teito do corredor central da Igrexa, causando uns danos que han levar o seu tempo reparar, tanto polo volume da obra como polo seu presuposto.

Preocúpanos, a todos, aos crentes e non crentes, o estado en que se encontra o principal lugar de confluencia da parroquia, esta grande obra arquitectónica de onde o mundo se chama Reboreda. Este lugar de oración, para quen o desexe, este lugar para o encontro e para a irmandade, e ademais, sempre na nosa fala, na fala propia de Galicia, como Deus manda, coa palabra e o exemplo de don Carlos.

Pois ben, xa comezaron as obras de reconstrución, grazas a colaboración de toda a parroquia e ao esforzo e o entusiasmo de do cura da “Reboraina”. Xa Comezou a primeira fase a cargo da empresa do mestre canteiro Pelayo Alfaya. Consiste en refacer, no chan, no adro da igrexa, a cúpula, aproveitando as pedras servibles e substituíndo as que non son aproveitables; numeralas todas e, na segunda fase, subilas, unha a unha, cun guindastre e colocalas onde levaban, algunhas delas, case 300 anos. Falamos de 40 toneladas de pedra (datos do mestre canteiro).

Cómpre, xa que logo, don Carlos, darlle os parabéns e moitos ánimos polo compromiso.

“Común temos a patria/ común a loita, ambos/ A miña man che dou/ coma un irmán che falo”.