Durante case tres décadas pertencín a unha secta. Ó principio foi difícil adaptarme. Sorprendeume que fósemos simplemente “cachos de carne con ollos que non teñen dereito a nada”, como nos definiu un dos pastores nunhas xornadas de convivencia. Pouco a pouco funme integrando ata ser un membro recoñecido entre eles. Ata subín un pequeno chanzo na escalafón da institución. Sentíame ben e plenamente realizado como persoa. Non durou moito. Caín en desgracia ó unirme a unha corrente interna que nos reivindicaba como algo máis que números. Que eramos persoas con plenos dereitos, como o resto da sociedade! Foron tempos duros. Comezamos a denunciar os abusos que se estaban a cometer. Accidentes por neglixencia, algúns con falecidos, que non eran investigados. Porque as súas normas internas están por riba da xustiza común. O seu poder incluso lles permitiu enviar os corpos dos falecidos ás súas familias ó chou.

Comezou a represión por parte da institución. Privacións de liberdade (poden facelo sen ser autoridade xudicial) e expulsións. Deixei a congregación hai tempo e creo que estou totalmente integrado na sociedade. Este día topei cun antigo adepto co que convivín durante anos nunha unidade (así chaman ós módulos da seita). Ían celebrar o aniversario desa unidade e invitoume. Habería actos para lembrar ós compañeiros falecidos e unha comida de irmandade. Dubidei. Pero nin sequera llo consultei ó psiquiatra. Aceptei. Quería volver ver xente coa que compartira moitos momentos. Incluíume nun grupo de whatsApp para estar ó tanto do evento que se celebrará o vindeiro mes de setembro.

Unhas horas despois chamoume un sumo sacerdote para dicirme que eu xa non era a mesma persoa de antes. Que cambiara moito e para peor. Que escollera un camiño equivocado na miña vida e que non sería ben recibido nos actos.

Marchaches... xa non formas parte deste grupo.