Somos narracións. Cada un de nós é unha historia, que é a que lle relatou, meticuloso e hipnótico, o seu cerebro. O cerebro máis que un procesador lóxico, é un procesador de narracións, un narrador de historias. Esa é a súa función: dotarnos de argumentos que cohesionen, doten de verosimilitude e nos axuden a controlar o noso entorno; e que nos fagan sentir o centro dun relato no cal nos está reservado o papel de protagonistas.

O cerebro escolle, de entre millóns de estímulos eléctricos que viaxan dende os sentidos ata el, a maioría confusos e casuais, aqueles que lle serven para dotar dun mínimo de coherencia o conto de aquel “eu” a cuxo servicio está. Ao facelo, o cerebro engánanos: manipula os recordos, selecciona o que pon á vista e o que esconde, desactívase, ofrécenos explicacións que non fagan cambalearse as nosas crenzas ni o noso lugar dentro dunha sociedade determinada, estrutura os capítulos que escribe o noso día a día.

Polo tanto, o cerebro engana, é dicir, narra, transfórmanos en entes narrados e, ao facelo, sementa en nós o desexo de escoitar e de ler narracións, as propias, as que configuran o noso universo persoal; e as alleas, as que poñen en cuestión ese universo persoal e, por iso, o dinamizan, renovan, contrastan e matizan. De acordo con certas teorías, isto é o que nos distingue do resto dos seres vivos, o que nos fai humanos. E o que funda a moral e os valores das distintas culturas. Se o pensamento tribal é o pecado orixinal, a narración é a oración.