Con relativa frecuencia, esquecemos a importancia que ten o coñecemento histórico para a comprensión do mundo no que vivimos.

No caso español, resulta curioso que unha boa parte da poboación descoñeza acontecementos e etapas importantes do século XX, como foron o reinado de Alfonso XIII, a ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera, a II República, a Guerra Civil e o franquismo.

Este descoñecemento podería non ser casual e mesmo resultar moi conveniente, xa que a ignorancia deses acontecementos favorece todo tipo de propaganda política partidista, dun e doutro signo.

Por exemplo, basta con dicir que recentemente observei unha serie de ausencias na información dun manual de Historia destinado aos alumnos de cuarto da ESO.

Cabe destacar, entre estas, o feito de que se obvie a participación de Mussolini e Hitler, en 1936, na Guerra Civil española, apoiando aos sublevados. Este contido debería mencionarse, aínda que fose brevemente, nos temas do nazismo e o fascismo; sorprendentemente, non é así, neste caso. Parece que aínda persisten certos intentos por branquear ao franquismo, apartándoo das potencias do Eixe, coas que colaborou e das que recibiu apoio.

Tampouco podemos esquecer outros problemas de maior importancia no ensino da Historia, xa que segue sendo estraño que a Historia Contemporánea Universal non se imparta en todos os cursos de primeiro de Bacharelato, sendo propia da opción de Humanidades, mentres que sí se obriga a todo o alumnado a estudar Historia de España no segundo curso. Teñamos en conta que estes niveis educativos son post obrigatorios, polo que todos aqueles que non os cursen terán uns coñecementos bastante rudimentarios en moitas materias, como a Historia.

É razoable seguir privando a moitos estudantes dun saber esencial para comprender o mundo cambiante no que vivimos? Podemos continuar optando por este coñecemento fraccionado e incompleto do noso pasado?