Ollada de cerca, a vida é unha traxedia, pero mirada ao lonxe, parece unha comedia. Este é, un máis, dos numerosos aforismos que un xenio, Charles Chaplin, deixou en herdanza para a humanidade.

Por desgraza, nestes tempos de pan e circo os niveis de crispación están alcanzando cotas bastante preocupantes. A estratexia da mentira como instrumento político xa forma parte indisociable da opinión pública, feito que erosiona o espírito crítico que debe ter unha democracia saudable.

Sen decatarnos, estamos a presenciar un proceso de involución, no que inxenuamente representamos a uns simples espectadores que acotío asisten abraiados a un sainete tráxico, desprovisto de todo significado e cheo dunha vacuidade carente de sentido.

Como consecuencia disto, a espiral vertixinosa da futilidade está creando un problema social, que radica en que somos compradores impulsivos de ficcións, relatos embaucadores que nos seducen para poder inocularnos o virus da amnesia colectiva.

Os síntomas están empezando a distorsionar a nosa percepción da realidade, esperemos que non empeoren, e que a vacina contra a estulticia sexa efectiva.

Mentres tanto, intentemos que o bálsamo que cicatriza a ferida do tempo sexa a esperanza; e o camiño que nos leve a convivir coa nosa ferida se chame incerteza, porque só nas contradicións imperfectas o ser humano é capaz de afastarse da nada e adentrarse na vida.

A pesar de todo, seguimos sendo humanos, e ese “a pesar de todo” cobre un infinito.