Nos últimos anos, as reiteradas crises económicas, sociais e sanitarias están facendo emerxer certas correntes individualistas que adoitan venderse como produtos inofensivos baixo capas de crecemento e superación persoal.

Estas novas espiritualidades analizadas en profundidade agochan numerosas e contraproducentes ditaduras afectivas asociadas ao máis descarnado neoliberalismo, apropiándose das emocións dos individuos e transformándoos en suxeitos manipulables condicionados por deleterios estereotipos. Dando como resultado unha relixión do eu baseada na felicidade como ben de consumo que se pode adquirir en forma de receitas máxicas.

Este marco teórico silencia o feito de que o estrés, a ansiedade e a depresión responden a causas sistémicas. Sen embargo, séguense promovendo fórmulas milagrosas que ocultan unha mensaxe na que se culpabiliza a quen sufre por non saber xestionar as súas emocións e por non contar coas ferramentas necesarias para neutralizalas, todo isto baixo expresións do tipo “cre en ti mesmo”, “nada é imposible”, “debes confiar en ti”, “só e cuestión de vontade”, que parecen indisociables do bo sentido e chegan a ser case obrigatorias para todo cidadán que desexe ter unha vida plena.

Nesta nova servidume o individuo debe aparentar en todo momento unha cordura mental para non ser estigmatizado. Como consecuencia, estanse a crear seres obsesionados coa súa situación persoal, descoidando as vulnerabilidades sociais, o coidado polo público, polas estruturas colectivas e a interdependencia. Finalmente, acabámonos aferrando a tales dogmas ao non atopar proxectos de crecemento común, substituíndoos pola retórica da autoaxuda, que camufla a posibilidade da loita política porque debilita a solidariedade e dificulta a busca colectiva da xustiza social.

Malia todo, no noso incansable afán humano por darlle sentido a existencia, alzamos a felicidade como fin último e cremos nesa plena satisfacción dos nosos anhelos que supostamente representa este concepto tan abstracto, esquecendo que simplemente é un frustrante ideal efémero. Pero é mellor ser soñadores utópicos que realistas resignados.