Neste tempo revolto, no que as desgracias parecen non deixar de sucederse, deixádeme falar de alegría, de amor, e de agradecemento*, para variar.

Deixádeme contarvos a historia dunha moza que, alá polos 70 (con apenas 15 anos de idade), entraba a traballar nunha das fábricas conserveiras históricas en Vigo. Un traballo pouco agradecido e que, a pesar da súa dureza, puido ir levando a cabo cada día con esforzo. Un traballo que, co paso dos anos, quedaría impreso para sempre nos seus ósos e nas súas costas en forma de desgaste e dor constante. Estes días, tras 47 anos adicada a este traballo (e tamén á súa casa e o coidado das súas fillas), chega ó final de esta etapa. O traballo rematou.

Nuns días deixará para sempre o seu mandilón azul e a súa cofia branca, o arume a peixe, o despertador soando ás 5.30 horas, o frío nas mans, e o calor abafante do verán no almacén. Despois de case 5 décadas (case nada), sairá sendo avoa, pola mesma porta pola que entrou sendo unha nena. Agora, por fin, toca adicarse ó que ela queira: a descansar, a pasear, a disfrutar da súa familia (do seu neto Mario en especial, hai que dicilo)... é decir, adicarse a vivir.

Quizáis esta pequena historia de vida, sexa insignificante para o resto do planeta, pero para nós, as súas fillas, a chegada deste momento, aínda que o mundo pareza estar tolo ó noso arredor, nos fai sentir a maior das alegrías, o amor máis intenso, e o agradecemento máis profundo polo seu sacrificio e renuncia. Só queremos dicirlle á nosa nai (“Aurita” para as súas compañeiras): “Querémoste mamá. Que disfrutes con saúde e amor de todo o que está por vir. Mereces o mundo enteiro”.

*Agradecemento extendido para todas esas duras mulleres da conserva que mantiveron a tantas e tantas familias na nosa terra.

As túas fillas, Nuria e Verónica.