De volta xa, despois destes días de festas cronolóxicas e tradicionais que os tempos nos fan vivir, entramos na normalidade do camiño diario e noutras emocións e pensamentos.

Todo pasa, dicía o sabio grego Heráclito (panta rei). As nosos vidas son os ríos que van dar ó mar..., versaba o poeta Jorge Manrique. A vida segue.

Neste devir que vamos esperando cada día quedan atrás moitas cousas que son pegadas das nosas vidas. Recordamos os nosos seres queridos que están noutro mundo sen que nós o quixeramos, sen poder evitalo. Pero foron pasando cousas que si podiamos evitar. Pensemos na nosa natureza que se está a degradar sen que nos preocupemos moito. Acabáronse os ríos de augas puras cheas de peixes. Adeus ós nosos montes verdes e limpos para desfrute e aproveitamento da súa riqueza. Apenas quedan fontes de augas frescas e cristalinas...

Levamos dous anos sufrindo esta peste que nos fai preocupar. Esperamos que vai pasar. Pero temos que recoller ensinanzas do que sucede. Neste caso ten que quedar moi claro que a sanidade é o primeiro que hai que coidar, para ter sempre unha defensa forte contra outros males que poidan vir.

A vida segue, pero hai que aprender das cousas que pasan para non cometer sempre os mesmos erros. Din que o home é o animal que tropeza máis veces na mesma pedra. Somos seres intelixentes. Desterremos ese tópico.