“Os galegos somos un exemplo de resiliencia” (Núñez Feijóo, 31.12.2021).

Ben dito, señor presidente! Asemellamos ser cofrades da procesión dos caladiños. E se aperturamos os beizos é para dicir, coma xa dixera Castelao: “Mexan por nós e hai que dicir que chove”. Que é o que me acontece a min que non son quen de adaptarme a este estado dunha situación sanitaria adversa que nos abafa nestes últimos dous anos?

Padezo dunha enfermidade crónica de longa duración, herdada da miña nai, chamada diabetes. Unha doenza que castiga a miña vista. Segundo as prescripcións facultativas tería que acudir á especialidade de oftalmoloxía cada ano para unha revisión. O ano cumpriuse en maio, e comunicóuseme xa en marzo do 2021, que quedaba postergada sine die. Sigo agardando, cunha indesexada resiliencia.

Levo cáseque dous anos sen ningunha cita presencial co médico de familia. Somentes concerto as citas telefónicas para renovación das recetas, no xeito de controlar a diabetes, a hipertensión, o colesterol, o prurito. A última analítica xa caducou. Nembargantes, son conscente da inxente laboura desenrolada polos sanitarios do meu centro de saúde, coma os dos outros centros. Están abafados. Escasea o persoal sustituínte. Por unha política austeiricida acudiuse a xubilar persoal, sen ter en conta unha amortización lóxica dos postos do traballo. Primouse a sanidade privada en detrimento da pública. Agora, coma a asistencia privada non atende a hospitalización polo COVID, atopámonos coa saturación nas UCI e camas nos centros públicos. E todo elo co mesmo persoal da prepandemia.

Falemos claro. Temos déficit de sanitarios. Temos, ai iso sí, grandes estructuras hospitalarias. A Xunta ven de anunzar a ampliación do CHOU. Unha inversión seica dus cáseque 50 millóns de euros. Xa temos espazo de sobra, que, de seguro, non levará aparellado un incremento do persoal. Hai que motivar a carreira de Medicina. Incentiavala con mellores salarios e xustas e dignas cargas de traballo. Por que non se invisten eses cartos en mellorar as condicións laborais dos empregados actuais e futuros da sanidade pública? Os ladrillos non alivian enfermidades, son os sanitarios, que moitos vense obrigados a emigrar.

Non, señor presidente da Xunta, non subliñe a resiliencia dos galegos polo que estamos padecendo. Troque o chip: a resiliencia pola a satisfacción de que temos a sanidade pública que merecemos, hoxe posta en cuestión. Non hai mellor satisfacción que a de gozar de saúde: “A saúde non o é todo, mais sen ela todo o demais é nada” (Schopenhauer). Non si?