A terra onde nacemos ten sempre algo que nola fai querer. Ela foi a que nos viu nacer. Nós foi a primeira que vimos. Así dicimos, a miña terra.

Os galegos temos algo especial coa nosa terra, dicimos que a amamos moito, pero non sabemos moitas veces demostrarlle o noso amor. Tivemos sempre xente ilustre na literatura que nos evocaron esa forma de ser, Rosalía, Curros, Celso Emilio, Pondal, Pardo Bazán, Castelao... “Estou triste, pero contento”, é algo que non se entende moito, sobre todo polos que non son galegos. A morriña, a eterna palabra que levamos no saco do diccionario ás costas. Prestámoslla ós casteláns, pero coido que non lle vai servir de moito.

Somos un pobo marcado polo emigración, onde case sempre noutros países xeramos riqueza; sen embargo cando estamos na nosa terra non somos capaces de esforzarnos para acadar nela unha vida de calidade. Basta con ver os datos do noso consumo de que só o 3,90% da nosa produción é para alimentación humana.

Temos unha terra bañada por dous mares con pesca exquisita, con rías de beleza única; veigas e montes para explotación agrícola e gandeira...Só fai falta unirnos e traballar polo noso. A cuestión é que non somos moi amigos da unión para facer cooperativas e fomentar equipos de traballo que teñan imaxinación para sacar proveito de toda a riqueza que temos. É unha mágoa ver terras fértiles ermas. Isto non pode pasar.

Por outra banda, cultivarei a miña terra tamén ten que referirse a sanidade, a educación, a cultura...; e a todo aquilo que nos poida facer merecentes desta gran terra.