Xa fai días estanse a correr rumores de que van quitar os Xulgados de Paz. Parece ser que están a traballar nun anteproxecto de lei que vai por ese camiño. E poñendo a mosca detrás da orella ..., “cando o río soa, auga leva”.

Xa houbo un intento de quitar tamén os Rexistros Civís. Daquela defendeuse a causa con recollida de firmas, e máis... Aínda queda a montaxe que fixeron cos nacementos involucrando a administración dos hospitais para facer as inscricións, como se non lle fora suficiente atender só a cuestión sanitaria... Non serve para nada, pero fan ir ás nais a firmar aínda que sexa cunha cesárea acabada de facer.

Volvendo ó asunto dos rexistros atopámonos no caso dos libros de familia, sacaron unha lei para eliminalos, pero non se dan conta que non se pode cumprir porque fai falta primeiro dixitalizar todos os libros de actas (botan o carro antes cos bois). Non estaría mal substituír o libro de familia por un certificado onde estiveran eses mesmos datos. No é tan dificil.

Os Xulgados de Paz ten moita razón de ser. Hainos en todos os pobos que non son cabeceira de partido xudicial. Son moi necesarios. Se falamos de acercar a administración ó cidadán, a xustiza ten que estar preto para que sexa eficaz. Nestes xulgados estanse a facer Conciliacións, Trámites de Auxilio Xudiciais, e outras cousas máis... As conciliacións serven para evitar demandas ou querelas, o que facilita a convivencia dos cidadáns. Os trámites son para evitarlle a xente desprazamentos e tamén aliviarlle a carga de traballo ós de Primeira Instancia.

Acabo de falar da importancia do que se fai, pero quero dicir que aínda se podía facer máis como xuízos de faltas leves (que xa se facían), inicio de monitorios, e todo aquelas accións onde non fai falta avogado nin procurador.

Penso que sería unha barbaridade desaproveitar un servizo tan importante, porque é humano pola cercanía e práctico na xestión evitando molestias ó cidadán e aliviando a carga de traballo para resolver casos en instancias superiores sen tardanza. Pois todos sabemos da lentitude da nosa Xustiza.