Fixera frío ou calor, chovese ou ventase, chegaba aquela hora e desde a ampla entrada principal daquel recén estreado centro de saúde resoaba a túa voz estridente, atronadora e discordante. Como un resorte, o unísono ,tódalas aquelas criaturas, hoxe pais, ou avós, deixaban de súpeto os destartalos xoguetes que adornaban aquela pequena sala e acudían seguindo o fío da túa voz, buscando ese son que tantas veces lle daba acubillo. Atronadora pero balsámica era esa voz para aqueles nenos que se facían de rogar cando acudían por primeira vez a visitarte.

Tiven a gran sorte de coñecerte alá polo ano 2002 en adiante no centro de sáude de Coia, un centro que moitas veces habería que darlle de comer aparte, pero o traballo dos profesionais fixo ca súa contorna fose cada día mellor. E alí estabas ti facendo do teu sorriso a bandeira da mellor menciña para aqueles nenos que piaban por ti. Villalón, Villalón así te alcumaban toda aquela recua de voces infantís que acudían á túa consulta como si acudisen o seu patio do colexio. A túa imaxe subíndoos á camilla, acercándolle a tu cara e amosando o teu sorriso impregnado no teu frondoso bigote, era a paisaxe máis humana e chea de sensibilidade que un pai pode chegar a percibir por parte desa persoa que coida dos seus fillos: un pediatra, un médico, pero sobre todo unha persoa a quen non chega o peito para albergar ese corazón tan grande e cheo de bondade.

A estas horas de traxecto xa estarás instalado na cara norte do paraíso, lugar para nenos e acompañantes. Xa non precisarás de fonendo, termómetros ou depresores linguales. O teu eterno sorriso o presidirá todo.

Grazas amigo, grazas compañeiro.