Recentemente, un tribunal ditaminou que se “restaurase” o nome dunha coñecida rúa de Madrid, volvendo a recibir o do xeneral Millán Astray, líder da Lexión.

A razón empregada para defender semellante disparate xurídico foi a de que este non tivo responsabilidade algunha nos feitos da sublevación militar (á que numerosos franquistas se empeñan en seguir denominando “Alzamiento Nacional”).

Certamente, Millán Astray non debeu de ter un papel moi relevante no golpe de estado fallido e na guerra civil posterior. Quen se reuniu entón con Mussolini, ante masas de seguidores? Quen manifestou o seu apoio incondicional a Franco? Quen desatou matanzas e persecucións, ademais de perpetrar non poucas atrocidades?

Todo isto, sen esquecer o seu persistente culto á violencia e ao uso da forza, elemento clave de todo fascismo. Recordan os membros dese tribunal as súas palabras contra a intelectualidade española e contra todos os librepensadores?

O seu “incidente” con Don Miguel de Unamuno só é outro máis dunha longa lista, así que resulta evidente que suxeitos así non merecen conmemoración algunha nun país que sexa autenticamente democrático.