Hai unhas semanas, desatouse, en Madrid, un tsunami pola posta de Toni Cantó (xa leva cantado o seu) á fronte dun furancho (perdón, quixen dicir) oficina para o fomento do español en Madrid.

“Entre los fines de la Oficina del Español se encuentran la promoción de la Comunidad de Madrid como capital europea del español...”

Dende o punto de vista deste profano, a cuestión non debería ser para tanto; tanto é así que, coma no caso dos tsunamis, xa amainou anque o furancho (perdón, oficina) segue dando de comer ó tal señor Cantó.

Por outra banda, a apertura dese organismo está máis ca xustificada se temos en conta que o “Estado” de Madrid, se pola súa “raíña” fose, debería ser capital de outras moitas “cousas” que non cito por pudor e falta de espacio. O feito tampouco merece ser cualificado de descabelado, pois é obvio que o castelán que falan en Madrid ten moito de españolísimo, pero ben pouco de castelán.

Deberiamos lembrar, os que non vivimos da política, que o idioma oficial de España é o castelán (“O castelán é a lingua española oficial do Estado” (español, engado eu); art. 3, punto 1 da Constitución española). Non existe o idioma español coma tal; pois non é preciso incidir en que “nas Españas” coexisten varios idiomas ¿españoles todos? (afirmación que lle vai alterar a dixestión á ilustradísima “maxestade do reino madrileño”); a ver se se enteran, eses constitucionalistas de boquilla, que a citan máis para ¿baboseala? ca para respectala e cumprila, ¡coma noutros moitos aspectos da vida política cotiá!

Non é preciso ser moi espelido para nos dar conta de que o castelán que se esparexe dende o “estado madrileño” por todo o territorio das Españas, precisa dun desbroce de barbarismos (bárbaros chamaban os romanos ós que non falaban o idioma do imperio) non con cortaherbas de fío, senón con tractor provisto de cadeas. Cos barbarismos lidos, escoitados e vistos a cotío abonda tema para escribir un tratado de...¿molonadas?

O vocabulario que exporta Madrid a “provincias”, ademais de infestado verbas de idiomas alleos (¿papanatismo?) é un vocabulario estandarizado, previsible, repetitivo, ampuloso, chocalleiro... e bastante catastrofista. ¿O señor Cantó vai lograr que, polo mundo adiante, se escriba: España, coña..., ou seguiremos lendo: espana e cona; porque para os galegos a cousa ten o seu...aquel.

Volvendo á oportunidade do furancho (oficina) madrileño, coido que Galicia necesitaría non un, senón... sete Cantós que, coa a capacidade requerida para o cargo e co interese que a defensa e os coidados que actualmente necesita o idioma galego, llelos puidera dispensar. Pero nós contamos co “máis capacitado e entusiasta defensor” que poderiamos desexar para o BEN, presente o futuro do noso idioma: A “súa maxestade, o “ilustradísimo monarca deste reino (suevo) que si o foi (o primeiro de Europa; non coma o madrileño que non existiu): D. Alberto Núñez Feijóo. Para que desexamos máis!!!