Os ditos populares están cheos de sabedoría case sempre. Este penso que ten un contido de moito valor nas relacións humanas, sobre todo no que respecta ó diálogo e ás conversas.

Este refrán, aínda que ten varios significados, pódese definir como aquel que fala de todo sen ter idea de case nada ou que pontifica en calquera dos foros que nos ofrece a actualidade; sen necesidade de usar a cabeza antes ca lingua.

Deste xeito de actuar proceden moitas veces os famosos “bulos”, que habelos hainos. Así que se non se sabe das cousas, invéntanse. Danse ata casos con certa frecuencia de quitarlle a vida a persoas coa palabra: morreu fulano ou mengano, e resulta que segue vivo. Disque cando pasa iso se lle alonga a vida.

Hai uns lugares en especial onde se practica máis ese devandito falar. Estoume a referir máis que nada ás tabernas. Alí fálase de todo, e todo o mundo quer ter a razón; e vai moitas veces a palabra antes co pensamento. Pasa que os viñiños dan enerxía e animan máis a conversa, todo hai que dicilo. As veces o querer argumentar sen moito que dicir, fálase moi alto.

Cando se dan esas reunións de falangueiros con frecuencia ponse nas bocas a moitas persoas someténdoas a xuízos, que moitas veces, por desgracia, non son o xustos que tiñan que ser. Parece que da máis morbo condenar que absolver...

Son cousas que pasan nos foros humanos: uns falan moito, outros pouco; hai críticas, murmuracións, difamacións... Os nosos faladoiros están aí, e nos poden deixar quedar mal moitas veces.