A medida que o tren avanza cara á capital imos atravesando e deixando atrás innumerábeis aldeas, do mesmo xeito que acabo de deixar eu atrás á miña, a miña casa e os anos que levo vividos nela. Todas esas aldeas acompáñanme na viaxe de volta a Madrid durante escasos segundos, que pasan tan rápido que apenas podo imaxinar cómo é a vida dos e das súas habitantes, ás que nunca chegarei a coñecer.

Días coma hoxe nos que todavía resoa a noticia da nova ruta do Alvia Vigo-Madrid, recordo todas as veces nas que reparei nesas aldeas mentres pasabamos polo que un día foron as súas estacións de tren, sen facer parada nelas porque quizais o mundo se esqueceu de que existen; días coma hoxe nos que a que foi a nosa estación de referencia xa se converteu nunha máis desas polas que o tren pasa de longo ou polas que nin sequera pasa.

Recibín con bastante pesar a noticia sobre a despedida da liña do Miño no recorrido Vigo-Madrid, que tantas veces me levou á cidade á que tiven que marchar a estudar. E recibina con pesar porque cada día das nosas vidas no rural asistimos ao imparábel desmantelamento dos xa escasos servizos cos que contabamos. Levamos moito tempo reivindicando unha sanidade pública de calidade e melloras no noso centro de saúde de referencia, por non falar da necesidade de desprazarnos aos hospitais da cidade para calquera proba médica máis alá dunha analítica, PCR incluídas. Levamos tamén moito tempo tendo que trasladarnos á cidade debido á ausencia dunha oferta formativa axeitada no noso instituto máis próximo, e tendo que marchar incluso da Galiza polas escasas perspectivas de futuro dos e das universitarias. E, ademais, levamos moito tempo reivindicando un transporte público de calidade que nos permita chegar á tan demandada cidade, por suposto sen éxito.

Levamos moito tempo vendo cómo o desmantelamento do rural deixa caer ás nosas aldeas no esquecemento, que agora quedan sen a súa conexión ferroviaria directa ca capital. Mais, déixenme recordarlles, o rural é moito máis que o destino turístico da tempada de verán.