Onte te vin levemente pousado no colo protector da noite calma. Había tempo que non te observaba á miña beira e menos aínda entre o andar apresurado dos que habitamos nunha cidade na que a présa habita. De entrada non eras ninguén. Só sorprendente e cativo lume verde, manso, diminuto e engaiolante á miña vista, cando o día estaba xa case todo el engulido pola serpe escura da anoitecida. Tenue, puntual, sen ferir con estraños ou ferintes resplandores a miña sorprendida e agradecida ollada. Volvías ser incomprensíbel e ó tempo lembrada e amiga presenza. Onde ninguén te esperaba, alí estabas ti, humilde e á espera.

Recoñecinte axiña, antes aínda de me achegar amodiño a ti. Pois ti entraras, con boa nota, naquel emotivo catálogo de tantas vivencias sorprendentes dos sosegados tempos infantís, madurecidas ó ritmo lento e suave do envexábel aldeán vivir no seo da natureza.

O Teis vigués durmía xa. E á beira daquel camiño estreito que non leva xa a ningures, alí entre mansas herbas de refugallo e un descoido de pallas aldeás temerosas dos ritmos cidadás, alí, alí mesmo, estabas onte ti. Sen ínfulas nin pretensións, á espera dun amor nocturno que por un azar do destino prolongara a leve existencia do estraño e fermoso vivir da túa proxenie.

Tampouco eu, levado lentamente polas fantasías dos meus pensamentos, que viñan, ían e volvían ou desaparecían ó seu aire, estaba naquel intre en apresurado tránsito. Ó caer o día e se deitar o pai sol, antes aínda de que os morcegos, inquedos raparigos, comezaran en vibrante xogo aéreo a se acochar de nós, alí estabamos ti e mais eu, en mutuo e desigual abraio, sostendo o universo coa nosa muda e mutua contemplación.

Viñéronme entón á mente, como lene guía emocional, aqueles versos do lucense Crecente Vega : “Bendita a luz da mañá / e o lume do vagalume / que aluma na escuridá”. E así, con devoto sosego, puiden admirar de preto a fermosura e sorpresa daquel agachado diamante verde que ti eras. Tenro e humilde orballo das altas estrelas ou mesmo refulxente estrela do firmamento que decidiu habitar en humilde e nocturna morada á nosa beira, en compaña das fadas misteriosas que agarimosamente coidan da nosa terra. Ou non serás xa ti quizais, feble vagalume, bágoa escintilante dun universo ferido? Cando decidiremos por fin entre todos respectar e coidar, eficaz e durabelmente, tantas humildes (e ameazadas!) criaturas que silenciosamente nos coidan, agariman e se deixan tamén agarimar?