Dentro da remodelación feita polo presidente, a que máis chamou a atención, a tenor das tendencias en redes, foi a de Iván Redondo. Estaba considerado, tanto polos medios, como por membros do propio partido socialista e a oposición, como a persoa máis influínte nas decisións de Sánchez. A pesar de todo, a este último non lle tremeu a man para, en vez dun ERTE ou un ERE, aplicarlle unha raíz cadrada ao seu potencial de poder, que pasou de 100 a 10 no tempo que lle levou asinar o finiquito. Digo que lle queda un dez porque despois deste tempo na Moncloa terá información moi valiosa coa que poderá xogar según lle conveña no futuro. O cerebro de Redondo é un deses con moitas interconexións entre o hemisferio da esquerda e o da dereita. As ondas destas interconexións chegan mesmo ás zonas máis extremas do lado dereito, áreas moi alonxadas do centro interhemisférico.

Ao Partido Popular de Badalona foi o encargado de organizarlle unha campaña xenófoba, que nin os de Vox se atreverían a facer. Ao candidato Xavier Albiol, aconselloulle que relacionara o aumento da delincuencia cos emigrantes. O lema da mesma e co que gañou as eleccións foi: “Limpia Badalona!” Nin a Ortega Smith se lle tería ocorrido tan “xenial” slogan.

A Monago, tamén do Partido Popular, para dar unha imaxe fresca, de corredor de fondo, suxeriulle que se botara a correr sen mirar atrás, como Forrest Gump, e que non parase ata se converter en presidente. Púxolle unha camisola e unhas zapatillas verde fosforito e emprendeu a marcha. Moitos estremeños, coma na película de Zemeckis, comezaron a correr detrás del, para empurralo en volandas ata a presidencia.

A sensación, que imaxino non será minoritaria, é de que Redondo funciona a golpe de talonario e que vende o seu produto ao mellor postor. A fórmula parece funcionar, pero creo que a nós, os cidadáns, non nos deixa en moi bo lugar cando modificamos a nosa opinión tralo impacto visual que nos producen milleiros de vallas publicitarias ou despois de escoitar barbaridades repetidas centos de veces.

A súa influencia en Moncloa era tal, que convenceu ao presidente para que, en vez de seguir negociando un goberno con Podemos, convocara unhas novas eleccións. O visionario Redondo, esperaba uns resultados espectaculares e a boa fe que non nos defraudou, hai que recoñecerllo. A extrema dereita duplicaba os resultados dos comicios que se celebraran había poucos meses e complicaba aínda máis un acordo entre as forzas de esquerda que viron reducida a súa representación no congreso.

Agora a pregunta que me fago é: A que partido ou empresa asesorará para convertelas en cabalo gañador? En caso de que decidira seguir en política, eu si estivese no lugar de Inés Arrimadas, faríalle unha oferta mañá mesmo para que lle axudase a sacar ao seu partido da UCI e de paso ocupar o baleiro que deixou Toni Cantó, co cal comparte perfil. Se o conseguise, non nos quedaría outra que sacarnos o chapeu unha vez máis.