Cando os reunidos en Cádiz, asediados polas tropas napoleónicas, falaban da Nación Soberana, o Abade da Colexiata de Vilafranca, Simón Antonio de Rentería y Reyes, que dominaba o Dereito Natural, dicía que o contradicía, que era contranatural. Opoñíase á soberanía nacional establecida polas Cortes xa que alteraba a orde natural e a paz. Hoxe non se podería argumentar tal cousa. Por outra banda a soberanía compártese en organismos supranacionais, temos exemplo palpábel no caso da moeda que manexamos de cotío e máis. A nacionalidade que é sinónimo de nación, é soberana compartíndoa. Coido que se lle désemos a independencia a Madrid (non sei como se apañaría, que ía xantar e que luz tería) miraríase mellor a cuestión. Sen o burato negro de Madrid, as soberanías compartidas no Reino de España ou da forma de Estado que sexa, non parece que fosen difíciles de amañar.

O Abade engadía: e a máis o pobo non poderá exercela (a soberanía) porque non o prepararan, obrigándolles a xurar unha Constitución coa que non tiñan ningunha relación. O Abade opúñase á desamortización e a supresión da Inquisición. Esta etapa de “reaccionario” levouno a bispo de Lleida proposto polo rei Fernando VII xa que Lleida era do seu Real Padroado Eclesiástico; fora “ilustrado” cando era Reitor da Real Universidade de Oñate; na Abadía pasou de “afrancesado” a presidir a Xunta de Defensa de Vilafranca. O rei promocionouno a Arcebispo de Santiago de Compostela e fíxoo Capelán Real, co que ficou en Madrid e non pisou Compostela. Finou en 1824 e foi soterrado no mosteiro de monxas onde vivía. O abade foi un exemplo de involución, pasou de posicións progresistas a reaccionarias; o mesmo que algúns actuais coñecidos intelectuais españois moi ben tratados nos medios de comunicación da capital do reino, sexan estes de liña conservadora ou liberal.

Hoxe os pobos, sen deixar de mirar de onde veñen, non teñen dificultade en compartir soberanías.

Moito progreso houbo desde os tempos de Fernando VII. Iso de progresar, o dos “prógres”, algúns hoxe póñeno como pexorativo. Seria bo que pensasen no que sempre foi, e é, o progreso; como mudou o vivir e lembren que os cambios sociais que fai a política veñen precedidos dos logros da ciencia, o que na actualidade non pode ser máis evidente.