Un 5 de xuño coma hoxe, fai exactamente 123 anos, nacía Federico García Lorca na vila andaluza de Fuente Vaqueros. Era o lume mesmo, segundo Rafael Alberti; un escritor con alma de poeta e man de músico, definido por Lluís Pasqual; ou alguén que traía a liberdade, apostilou Pablo Neruda. No teatro chegou a equipararse a Ramón del Valle-Inclán, como os dramaturgos máis importantes do século pasado, e a poesía lorquiana foi a máis importante e influente do século XX.

No verán de 1936, aos poucos días de comeza-la Guerra Civil, foi fusilado por socialista, masón e homosexual, así o revela un informe de 1965 da Xefatura Superior da Policía de Granada. “Como no me he preocupado de nacer, no me preocupo de morir”, plasmara o escritor con anterioridade, como se fose un mal presaxio. Tralo seu asasinato, foi homenaxeado con poemas de grandes ilustres, como Antonio Machado con El crimen fue en Granada, Luis Cernuda con A un poeta muerto, ou Pablo Neruda coa súa Oda a Federico García Lorca.

Paradoxalmente, malia continuar soterrado, segue moi vivo entre nós. Témolo dende o ano pasado na Alameda de Santiago, en forma de estatua, baixando as escaleiras da igrexa de Santa Susana. Como el mesmo escribiu: “No hay nada más vivo que un recuerdo”.

Hoxe, coido que é un bo día para ler Seis poemas gallegos, ou deleitarse escoitándolle ao grupo Luar na Lubre iso de:

Chove en Santiago

Meu doce amor

Camelia branca do ar

Brila entebrecida ao sol