Fai anos, nalgunhas manifestacións escoitábamos: Galicia non se vende. Dende aquelas, seguiu vendéndose, ou máis ben regalándose: bancos, caixas de aforros, empresas, ríos, minas, zonas da nosa costa, etc., etc., e o grave é que foi coa complicidade da Xunta en mans do PP.

Xa pouco queda, como recurso valioso, que non se atope en mans foráneas. Pese a todo algo permanece sen explotar, por exemplo, algúns montes onde aínda non se tiñan colocado parques eólicos, e que neste intre estanse iniciando os trámites para practicamente enchelos todos de aereoxeradores.

Vaia por diante que isto non é oposición á enerxía eólica, porque é das menos contaminantes, non obstante os muíños teñen que poñerse seguindo unhas condicións moi estritas: paisaxísticas, sen alterar o patrimonio arqueolóxico, urbanísticas –distante das vivendas–, que non interfiran outros cultivos agrarios valiosos, etc., e que a maioría das veces non se respectan. Con todo, o peor é que a maioría destas empresas multinacionais coloniais, que os instalan e explotan, veñen aproveitarse dunha inmensa riqueza –en Galicia hai moito vento e isto é unha enerxía infinita– pagando polo terreo unha miseria. De feito, cando non se acepta a negociación de compra co propietario e se chega á expropiación, o terreo de afectación dos muíños declárase como rústico de moi baixo valor, que despois pasa a industrial unha vez construído o parque eólico.

O terreo tiña que valer polo valor que vai xerar no futuro, por iso os propietarios e as comunidades de montes xamais deberían vender, e si deberían chegar a acordos de aluguer coas empresas explotadoras desta enerxía, en relación ós kw. producidos por aereoxerador. Esta é unha practica moi común noutras comunidades do resto do Estado, que por certo, teñen menos vento que neste país. Para iso teríase que contar coa Xunta que debería defender os intereses dos propietarios e dos Concellos, que tamén son afectados, o que a súa vez contribuiría moi eficazmente a unha protección real do noso rural, e non defender só as empresas. Unha medida interesante sería impedir as expropiacións salvo nalgún caso moi especial, pois con elas non se defenden intereses públicos, senón exclusivamente privados, e tamén esixirlle ás empresas que os compoñentes dos muíños se constrúan en Galicia.

Que ninguén esqueza, que un monte con vento –en diferente escala– é como si fora un pozo de petróleo, mais coa vantaxe que enerxéticamente non se acaba, o que lle da un valor enorme comparado co dun monte rústico improdutivo, por iso empresas como unha de Noruega, queren instalarse en Pena Trevinca, e noutros lugares, porque o terreo lle resulta moito máis barato que no seu país, onde posiblemente por motivos paisaxísticos non lle permitan colocar os aeroxeradores.

Por certo, vivo nun Concello onde si subimos ó monte Caxado, só podemos ver piñeiros, moitísimos eucaliptos e un enorme bosque de parques eólicos, que practicamente non deixan ningún beneficio en relación ó que xeran para as empresas propietarias. Este é o paisaxe da Galicia do futuro?