En 1953 Edicións Monterrei, dirixida polo tudense Xosé María Álvarez Blázquez, editou unha obriña de teatro titulada Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, escrita polo licenciado Gabriel Feixoo de Araúxo, en 1671, do que se descoñece a súa biografía e oríxes. Fermín Bouza Brey escribíu o prólogo a esta primeira edición do texto inédito que atopou en 1914 o profesor Salvador Cabeza de León, que deu con el cando estaba facendo pesquisas históricas na Biblioteca Nacional.

Sinala don Fermín que o texto é o primeiro do seu xénero escrito en lingua galega. Son catro follas escritas caligraficamente en letra moi miúda, que o descubridor tivo que transcribir con moito esforzo para poder descifrar os catrocentos trinta e tres versos nos que se narra a contenda que tiveron os labregos das freguesías de Lapela (Monçao) e Caldelas de Tui da ribeira galega.

O argumento está baseado nun feito histórico, un de tantos episodios fronteirizos pola pesca en común que se rexía polo dereito consuetudinario que afectaba aos veciños raianos. Eran liortas frecuentes que adoitaban suceder nas, sen embargo, relacións tradicionais de amizade entre os pobos de Portugal e Galicia por mor da interconcorrencia de feiras e festas, o comercio e os casamentos dos veciños e veciñas dos pobos raianos. Unhas relacións que, como se pode observar, veñen de vello e que se manteñen aínda hoxe malia os moitos acontecementos políticos que se sucederon durante os séculos transcorridos.

No entremés interveñen cinco personaxes, catro portugueses e un galego. O personaxe principal, que é o labrador galego Gorgorio Roleiro, representa a xustiza popular que trata de opoñerse, fundado en documentos antigos de “usos e costumes”, á pretensión de certo fidalgo portugués que, pola forza, con xente armada, trata de redar no río Miño máis veces que os honrados labregos de Caldelas, que entenden que a un lance dunha veira só corresponde botar outro lance da outra, e non máis. O conto é que como non había acordo as diferenzas acabaron nunha liorta na que non faltaron as malleiras de paus. Mais os portugueses, medoñentos pola recibida acordan facer as paces cos galegos, dándose as mans un portugués e un galego. E nada mellor para festexalo que facelo coa viola do portugués e o pandeiro do galego que animan o baile dos miñotos agora reconciliados.

Di Fermín Bouza Brey no prólogo da primeira edición que a lingua galega no que está escrito o entremés “é o ribeirán que aínda hoxe se usa na banda galega do Miño, con algunhas frases e verbas do tempo, caídas en desuso. A linguaxe na que se expresan os portugueses apenas se diferenza do galego, malia que o autor intentou afondar en tales diferenzas. Infiltrándose no léxico, que quixo ser portugués enxebre, certos modismos dos dialectos miñotos”. A fraseoloxía galego-portuguesa aparece a cada pouco para definir con maior precisión os feitos relatado no texto.

Para celebrarmos a efémerede do 350 aniversario da obra escrita polo licenciado Gabriel Feixoo, que posiblemente exercía en Tui a profesión notarial, a Asociación de Amigos do Couto Mixto, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, propúxolle ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, organizar un acto conmemorativo colocando un monumento nun espazo urbano da vila e unha nova edición do texto teatral, que acolleu con estusiasmo. Co mesmo ánimo apoiaron a iniciativa a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que sufragou a edición facsimilar da editorial Monterrei, que inclúe unha erudita aportación filolóxica do catedrático e académico don Ramón Lorenzo Vázquez. Os alumnos da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra realizaron o monumento con alegóricos deseños do escritor e caricaturista Siro López.

A presentación do libro e inauguración do monumento celebrarase o luns, día 12, ás seis da tarde. Primeiro na Casa do Concello e despois na rúa Ourense onde quedará emprazado o monumento. A ámbolos dous actos acudirán os rexedores municipais dos concellos dun e doutro lado do río.

*Presidente do Foro E. Peinador