No mes pasado celebráronse actos para conmemorar con honra a nosa Rosalía. Na súa gran obra literaria hai un poema que fai referencia ós nosos ríos e fontes entre outras cousas, que os galegos sentimos abandonar cando temos que irnos a buscar a vida por outros lugares do mundo.

Rosalía sentía na alma dos galegos o desapego destas cousas tan prezadas.

Agora, se vivira Rosalía, non só sentiría pena polos galegos que se van, senón tamén polo estado en que se atopan os ríos, fontes, regatos, os nosos montes...

Cada ano seguen a arder os montes provocando un continuo desastre ecolóxico. E así vai desaparecendo a gran riqueza forestal e os ríos énchense de borralla deixando ós peixes sen hábitat.

O lixo anda por todas as partes e tamén vai a parar ós nosos ríos e mares; nas fontes xa non se pode beber.

Os ríos, ademais da riqueza das súas augas, tiñan que comer. Collíanse troitas, anguías, bogas..., e outras especies máis que mataban a fame nas aldeas.

Agora case só quedan os peixes de tempada, a lamprea e a angula... Hai comercio con estes. Pero quero facer unha protesta no caso da angula, pois por culpa dela non se pode pescar a anguía. Sinto polos que gañan un diñeiriño con elas, pero iso só é comida de ricos; as anguías daban alimento para todos.

O poeta Bécquer, contemporáneo de Rosalía, versificaba: “volverán las oscuras golondrinas...”. Pero sentía pena polas cousas que non volverían.

Volverán saltar os peixes nos ríos, volverán as augas limpas e puras, volverán as anguías a picar...Como non teñamos coidado destes tesouros nosos, nada bo volverá.