“A raíz do toxo verde/ é moi mala de arrincare/ os amoriños primeiros,/ son moi malos de olvidare” (Estrofa da cantiga populare “Pandeirada”).

Velaí, Montse, miña rula. Entraches na política da man de Baltar. Fai dous anos eras concelleira na Corporación Municipal de Xinzo da Limia indo na lista electoral do PP. Nembargantes, o teu sono era acadar a alcaldía. Non foi así, e decidiches darte de baixa no partido. Manifestaches que no PP había unha falla de transparencia e de democracia nas primarias no senso de elixir ao candidato para alcaldía. E engadías algo máis contundente, para non amosar resentimento algún, que deixabas o partido, que denantes te acollera, “por non compartir principios e valores co PP”. Días despois afiliácheste a Ciudadanos, con quen irías na lista electoral das pasadas convocatorias, acadando concellaría e representando ao teu novo partido na Deputación Provincial.

Agora, ves de deixar a Ciudadanos, mantendo as túas actas de concelleira e de deputada provincial. E pasaches ao lugar de “non adscrita” en ámbalas dúas institucións, no senso de darlle “estabilidade” ao goberno de Baltar na Deputación. Vendo coma tés danzado no turreiro da política ourensana, deixame que dubide cando falas de non estar dacordo cun trapicheo entre forzas da oposición, na que estabas, para desaloxar a Jácome da alcaldía da cidade, e a Baltar do Pazo Provincial. Agora que o PP dalle osíxeno a Jácome, “por ben da gobernabilidade da cidade”, no troco que Democracia Ourensana non tivese a tentación de apoiar unha moción de censura na Deputación, por mor das malas relacións entre Jácome e Baltar, faltaba alguén máis da oposición que apuntalase ao goberno provincial, xa que Jácome é imprevísibel. Aperturouse o telón, e apareciches ti en escena, declamando sustento a Baltar en pro de outra gobernabilidade, a da provincia. Viches claro que máis vale malo coñecido, en trinta e cinco anos, que bo por coñecer?

A sombra do ciprés de Esgos é moi alongada, que abrangue a provincia enteira. Debaixo desta sombra, e non na beira do mar, alumeou o teu amoriño primeiro a política. E coma di a cantiga é moi malo de olvidare. Hoxe, vas de política non adscrita a ningunha forza política. E mañá? Ai, os amoriños primeiros! Mais, ollo ao macho, non vaia ser coma a xitana da copla, que “como la falsa moneda que de mano en mano va, y ningunha se la queda”. Aínda que son torpe nos meus andares polo eido da política, mira nena, deixa de falar en barallete, a lingoa dos afiadores, cando somentes falas en castelán. O berce dos afiadores é Nogueira de Ramuín e derredores. Naquelas partixas, comezou a súa andaina política o veterano pai do PP ourensán. Hoxe pai e fillo, tanto ten Xan coma Perillán. Daslle, hoxe, dous anos de estabilidade no trono, e despois que? Achegácheste moito ao lume, volvoretiña limiana, mira que te podes queimar.