Se consultamos o significado que ten “O Meco”, atopámonos con que, máis por tradición oral que escrita, aínda que hai persoas como o grovense Calvete que se interesou por esta figura na década dos anos 20 do século pasado, o mítico Meco perdura dende hai moito tempo ata hoxe coma un ser funesto, ruín, sen escrúpulos; poderoso para o mal, odiado por todos coma unha maldición que debemos esquivar.

Hoxe en día nalgunhas partes de Galicia dinlle aos nenos cando choran: “Cala que vén o Meco e leva ós rapaces que choran” e mesmo o rito da queima do Meco que se fai no mércores de cinza é para librarse das calamidades e desgracias que poidan vir deste fatídico personaxe.

Pola Historia sabemos que cando un país invadía outro, formaba parte do sometimento o feito de tumbar os ritos, as tradicións, os símbolos existentes e impoñer uns novos; hoxe non fai falla invasión ningunha, imos asistir a queima de elementos da nosa tradición festiva tan entrañables que me parece incrible que se poida dar. Asistimos impertérritos a valeirar o significado do que é noso, e só noso.

Ocórreseme que este ano tocaba facer un Meco con forma de coronavirus ou a pantasma real do paro ou queimar eu que sei...que cadaquén pense o que queira que o pensamento é libre. Pero porfa, non; de ningunha maneira queimemos os cabezudos nin a Coca por moi caros que valeran.