A fama vén sendo unha condición, ou a opinión que a xente se forma sobre algo ou alguén. Fama é tamén o nome coñecido na mitoloxía romana dunha deusa da mitoloxía grega (Feme). Era a encargada de expandir os rumores e os feitos das persoas, pero sen distinguir se eran certos ou falsos. Polo que así se lle chamou a deusa dos rumores e murmuracións.

As persoas que ostentan certo grao de fama soen ser os personaxes públicos ou célebres. É frecuente en actores, cantantes, deportistas ou grandes artistas, así como entre os políticos, empresarios de alto perfil...

No día de hoxe, sen embargo, tamén hai persoas que sen chegar a facer ningunha fazaña poden ter gran fama e popularidade. Como pasa moito nos programas “lixo” das nosas televisións.

A fama é tamén a opinión que nos formamos dos demais como consecuencia das nosas accións, palabras ou decisións. Así podemos crearnos boa fama ou mala fama, segundo a nosa reputación. A fama costa pouco traballo conservala, “colle fama e bótate a durmir”. É dicir, a cada quen se lle pode “colgar o sambenito” e non lle queda máis remedio que levalo.

Acompañando a fama está a murmuración, pois con ela podemos darlle ós demais a mala fama. Moitas horas das nosas vidas mal pasámolas murmurando dos outros. O morbo cada vez está máis de moda. Pois a maioría das veces parece que lle damos gusto as cousas malas dos demais, cando nos xuntamos nos nosos faladoiros. Pois ata somos capaces de matar a calquera cos nosos rumores.

Din que cando hai un rumor da morte de alguén, significa alongarlle a vida...

Pois se reflexionamos un pouco nos damos conta que isto é unha especie de vicio social que temos diante de nós. Co agravante de que cada vez as noticias falsas se propagan de forma más rápida. E case que sempre as queremos facer verdadeiras, parece.

Como se di por aí, comulgamos con rodas de muíño.