Escoitei falar por primeira vez de Pepe Velo nas reunións familiares. Como non podía ser doutra maneira, pola miña párvula idade, limitabame a escoitar. El ía no medio dos relatos sobre a guerrilla e o intento fallido de asaltar os polvoríns da ETEA (Escola de Trasmisión Eléctrica da Armada) situada en Ríos, na miña parroquía de Teis. No que participaran dous veciños meus, Luis Quintas e Silvano Collazo, este último vivía ao carón do meu domicilio. Era chófer dos camións-cisterna da Campsa, e formaba parte da rede de axuda á resistencia antifranquista como enlace, traendo e levando recados ou trasladando a guerrilleiros na cabina do camión no itinerario que facía de Vigo á Estrada. Por mor destas actividades pasou algún tempo no cárcere.

O secuestro do ‘Santa María’ en xaneiro de 1961 conmovera á opinión pública mundial, pero á galega en particular. Naquela viaxe viñan de volta moitos emigrantes galegos. Anos despois, coido que en 1965, Luís Noia convocounos a un pequeno grupo de amigos na Asociación Cultural de Vigo para proxectarnos unhas secuencias gravadas co seu tomavistas naqueles que el rodara no barco, cando regresaba da emigración. Nelas mirabase a un xentío da pasaxe apiñada arredor de Pepe Velo aregándoos. Pero as que máis me impresionaron foron as das negociacións entre os altos mandos da mariña norteamericana e a dirección do DRIL, no que Pepe Velo parecía levar a voz cantante. Dixeranos que as intervencións de Pepe Velo foran feitas en galego e traducidas ao inglés por un dos membros do comando. Mágoa que a película non tivese son para podelo confirmar. Pero sempre me fiei da palabra de Luís.

Xa a comezos da década dos anos oitenta procurei retomar os fíos daquela historia e a través de Castor Velo, irmán de Carlos, o cineasta que vivía no exilio mexicano, conseguín a dirección de Víctor Velo, fillo do noso admirado heroe, que vivía en Sâo Paulo e que tamén formara parte dos vintecatro membros do comando do DRIL. Envioume unha morea de fotocopias valiosísimas de documentos inéditos para poder reconstruir a biografía do seu pai, e nomeadamente dos referidos aos preparativos e execución do secuestro, entre eles os partes diarios emitidos pola Dirección Xeral do Dril que estaban asinados polo co-director xeral, Carlos Junqueira de Ambía, nome de guerra de Pepe Velo, en lugar preeminente, e máis abaixo as sinaturas dos outros dous membros do triunvirato: Henrique Galvao e Jorge de Sotomaior, seudónimo de José Fernández,outro galego da Pobra do Caramiñal.

Como eu non atopaba vagar para poñerme a escribir o relato daqueles feitos, decidín enviarlle a documentación recibida ao amigo Antón Piñeiro, trasladándolle o encargo de escribir a biografía para unha colección delas que eu dirixía nunha editorial. Mentres tanto, conseguín que o Suplemento Cultural do Faro de Vigo (5 abril 1986) lle dedicase un número monográfico. Foi a primeira vez que a figura de Pepe Velo tivo un tratamento rigoroso no intento de restaurar a súa memoria. Inmediatamente despois propúxenlle ao recén nomeado director do Centro Rexional de TVE en Galicia, Alexandre Cibeiro, a difusión da fita de Luís Noia nunha hora de moita audiencia.

Desde entón tense escrito moito sobre Pepe Velo. O colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal) foino homenaxeando sucesivamente colocando unha placa conmemorativa no edificio onde vivíu, erixindo un monolito en Melgaço realizado pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra, e un busto no espolón de Celanova, a súa vila natal, coas colaboracións inestimables da Secretaría Xeral de Política Lingüística e Concello.

Grazas ás accións descritas, Pepe Velo xa é máis coñecido, aínda que cómpre dicilo,coa indiferenza dos que nunca reivindicaron a súa memoria, como tampouco a de Arturo Noguerol, cuxo cadáver aínda está hoxe nunha gabia ou monte descoñecidos. Polo que se ve, para os nacionalistas/galeguistas hai vítimas de primeira, de segunda e terceira categoría.

Estes días co gallo do 60º aniversario do secuestro do ‘Santa María’, alguén quere, desacertadamente, deslocalizar a memoria de Pepe Velo da súa vila natal, entregando documentos non publicados a outra institución pública.

*Presidente do Foro E. Peinador