Como milleiros de estudantes universitarios en toda Galicia, estes días tiven que ir a Santiago de Compostela a examinarme das materias deste cuadrimestre. A incidencia da COVID-19 en todo o país, e tamén en Galicia, non fai máis que dispararse; gobernantes de todas as cores políticas piden á poboación que respecte as medidas e reduza ao mínimo os desprazamentos. Na miña universidade, a USC, había dende o comezo do curso un protocolo adaptado a todas as posibles situacións sanitarias para realizar os exames –contemplábase mesmo a substitución dos exames por probas online– que, como todos os anos, ían ser en xaneiro. Tíñanse xa as datas e tíñanse tamén os protocolos preparados dende facía meses. A pregunta é: de verdade non se considera a situación na que estamos suficientemente grave como para pensar en anular os exames presenciais? Se de verdade hai protocolos, non debería supor ningún problema, e dende logo evitaríanse amoreamentos de xente en espazos pechados e desprazamentos, que ademais teñen lugar en lapsos de tempo moi reducidos e entre un colectivo de decenas de milleiros de persoas. Os exames xa están en marcha, non ten arranxo; pero non deixa de sorprenderme a indiferenza –ou se cadra é incapacidade– ante a situación sanitaria e as queixas de moitos alumnos que as autoridades universitarias amosan. E a Xunta de Galicia, ante isto tampouco ten nada que dicir? Ao noso presidente autonómico, que é a prudencia e a boa xestión feita carne, non parece que lle importe moito este tema; se cadra el so aparece cando toca conseguir outra maioría absoluta.