Aínda falta que se xulgue o recurso da familia de Franco ante o Supremo, que agardemos faga un xuízo xusto, mais todo parece indicar que o Pazo de Meirás pasa a titularidade pública. Esta é unha nova importantísima pois era intolerable que unha propiedade que foi usurpada ós galegos con métodos ilegais, estivera destinada ó desfrute dos herdeiros do ditador.

Por iso hai que felicitar ós que máis loitaron por esa devolución, fundamentalmente: a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, o BNG e os derradeiros gobernos do Concello de Sada. Tamén ultimamente se sumaron moi eficazmente a Deputación da Coruña e o actual goberno do Estado.

É importante que a Xunta dirixida por Feijóo se unira a esta reclamación, aínda que hai poucos anos se opuxo con argumentos peregrinos, e sería bo ter en conta que si o goberno de España estivera en mans do PP, esta devolución non se faría ou sería moi difícil de lograr.

Agora, tanto os bens móbeis como inmóbeis teñen que pasar a ser patrimonio da Xunta, sen a mínima dúbida, pois a maior parte dos bens saíron de aportacións de xente galega, e a súa xestión diaria debe estar a cargo do Concello de Sada. Non debemos de esquecer que a Xunta tamén é Estado, aínda que algúns confunden Estado con Madrid, e pode existir a tentación de querer trasladar os móbeis para museos e organismos da capital, como xa se fixo en moitas outras ocasións. Debemos estar atentos. Loxicamente as figuras pétreas de dous profetas usurpadas ó Concello de Santiago deben volver ó seu lugar, igual que algunha outra peza que ten unha orixe moi clara.