Chegados a estas datas, é comprensible que se asente entre nós un principio do chamado “Espírito do Nadal” (recordando certa obra de Dickens). Deixo de lado a valoración sobre o significado real desta idea, xa que dependerá de cada quen.

Consiste a celebración do Nadal só en xestos superficiais? Non comprendo a devoción case obsesiva que leva a que se desate un furor por colocar as luces eléctricas que acompañarán á festividade, moito antes de que comece decembro.

Tamén ignoro se é razoable que estas proliferen, aumentando a xa abundante contaminación lumínica que xeran as cidades e que se converte nun bo indicador das desigualdades sociais: moitas familias non poden permitirse ter nin unha soa luz eléctrica acendida.

Pensará nos máis desfavorecidos o nutrido grupo de alcaldes e políticos varios que se deleitan coa colocación de tales ornamentos, facendo do espectáculo público o seu eterno cabalo de batalla?