Paseando co escritor Méndez Ferrín, noso candidato a premio Nobel e tamén a pregoeiro das festas da Peregrina, cousas que non logrou aínda que para min é merecedor dabondo, íame comentando que Pontevedra era unha cidade que lle encantaba, na que viviu hai tempo e que cada vez que pode lle encanta pasear por ela. Parámonos na Praza de Curros Enríquez e comentoume dunha anomalía que xa sabiamos, que en dita praza houbera un busto de Alexandre Bóveda e non do poeta ao que se lle adicaba, que el creía que os dous persoeiros eran merecedores dunha praza e un busto non como agora que tiñan que compartir espazo.

Hai poco lembreime da conversa con Ferrín ao ler que o Concello vai crear unha nova praza na encrucillada das rúas Benito Corbal, Cobián Rofiñac e Daniel de la Sota. Penso que sería doado que se trasladara o busto de Alexandre Bóveda á nova praza e porlle o nome do político e colocar un busto de Curros Enríquez na praza do seu nome, o que sería un acto de xustiza e máis acorde cos ilustres persoeiros. Hai un tramo pequeno da rúa Benito Corbal que vai dar á Praza da Peregrina que se podería engadir á futura praza facendo un itinerario sentimental e histórico do político tan vencellado á cidade pois a nova praza enlazaría coa de Ourense, a súa cidade natal. Hai que lembrar que nese espazo onde rematan as escaleiras da igrexa de San Francisco antaño xa se celebraba unha feira de sandías e productos da horta.

As prioridades do Concello e Deputación nestes intres teñen que ser axudar ás xentes máis desfavorecidas e sen recursos e apoiar ao pequeno comercio e hostalería para tratar de paliar a crise que deixa a pandemia. Pero para cando todo isto pase, que ten que pasar (malo será), hai tres monumentos que ao meu entender faltan na nosa cidade: un sería o da nosa poeta nacional Rosalía de Castro diante da Audiencia, na rúa que leva o seu nome; outro ás Leiteiras na entrada da rúa da Virxe do Camiño no cruce co Gorgullón e Eduardo Podal onde houbo unha caseta donde pagaban as taxas para poder vender o leite na cidade; e outro a ós Fotógrafos do Paxariño que se colocaban na alameda a carón do café Blanco e Negro. Sería un acto de xustiza e lembranza coa nosa historia.

Meus parabéns ao Concello por atender as demandas dos feirantes de poder vir ao centro a vender a súa mercadoría pois o lugar onde estaban agora non era o máis axeitado; é moi triste ter que erguerse ás catro da mañá, armar con tarimas e toldos para a choiva o posto e despois estar toda a mañá co frío e choiva sen vender nada porque a xente que vai ás ferias xa é de certa idade e quédalles moi lonxe e por aquela zona non pasa ninguén. A rúa Raíña Victoria, a Alameda ou Campolongo, onde xa estiveron alguha vez penso que son máis axeitados. Nestes tempos de crise hai que facer todo o que se poida por apoiar ás xentes que só queren traballar con honradez para poder comer e crear riqueza. Todos temos que apoialos mercando nas tendas e comercios de proximidade. Ánimo e afouteza que desta saímos, como no anuncio de Gadis. Este virus non vai poder con nós.