Un refrán máis que quero facer significar dentro do amplo repertorio do noso refraneiro. Pois todas estas expresións que marcaron costume polo seu uso constante ten moito contido e fan traballar o intelecto cando as aplicamos nos avatares da nosa vida.

Esperar é un verbo que utilizamos cotiá que significa non poder conseguir algo de inmediato. Con frecuencia temos que esperar ó avión, ó tren, ó autobús, ó facer as compras... E, en especial, cando vamos ós médicos e ós dentistas. Pois todos sabemos o que é unha sala de espera, con nome propio.

Desesperar é cando nos invaden os pensamentos negativos e nos sentimos impotentes. A veces perdemos a paciencia e nos volvemos impulsivos. Porque ser paciente é ter un boa actitude diante da espera. Cando estamos esperando por algo temos engadidas expectativas e emocións, que non permiten que manteñamos un estado de paz. Se non sabemos utilizar a paciencia a desesperanza pode chegar a facernos dano na nosa psique.

Despois de ver o que pode significar todo este refrán, que elixín a propósito, quero referirme a unha clase de espera que nos ten preocupados a todos cando necesitamos coidar a nosa saúde.

A famosa "lista de espera" , que nos fai desesperar, cando necesitamos unha intervención cirúrxica ou algún tratamento para deixar de sufrir. Todos sabemos o que hai que esperar para operarse dalgunha parte do corpo que está mal e nos causa dor e sufrimento. Non é humano esperar tanto.

Sempre se me vén á cabeza a idea dun amigo compañeiro de traballo que cando facíamos os presupostos expuña a seguinte valoración: "indispensable, necesario e conveniente", para que cada quen puidera pedir baixo esas tres premisas.

Polo que á hora de cubrir as necesidades da nosa vida o indispensable está na sanidade. Non se podería pasar a outro capítulo de presupostos ata que a saúde quede garantida. Non se pode esperar dous anos para operarse dunha cadeira, porque, ademais cando te chaman xa estás mal da outra por ter que forzala ó no poder apoiar a mala. O cal demostra que nin sequera é rendible a espera. Nunha sanidade de calidade non pode haber "espera".

Quero dicir a todo isto que os nosos dirixentes tenden a conquistarnos con obras faraónicas, que poden ser necesarias, pero non indispensables. Poñamos un exemplo: o AVE a Madrid pode ser moi necesario, pero de pouco importa chegar a esa cidade en dúas horas se non podemos viaxar porque estamos a espera dunha operación porque non hai suficientes quirófanos nin médicos.

Por desgracia, o problema que estamos a vivir fainos concienciar do imprescindible que son os medios para coidar a nosa saúde. No só está a morrer a xente pola pandemia, senón tamén pola espera ó non seren atendidos a tempo. Polo que quero facer unha chamada ós responsables deste problema para que dentro da nosa sociedade non haxa desesperanza diante da saúde. A sanidade está primeiro.