Ramón Allegue Martínez, popularmente coñecido polos vellos afeccionados do Celta por Padrón, como formidábel gardameta, e polos novos por mor de ser autor da historia do devandito equipo no xornal FARO DE VIGO na que se pode esculcar as súas condicións de salientábel escritor como xa amosou nos seus libros sobre a "Costa da Morte do Sol" onde describe dun xeito maxistral este recanto de Galicia, hai que dicir que tamén é autor do libro "As Sandalias do Apóstolo" que polas datas en que nos atopamos imos comentar. O libro de máis de setecentas páxinas, por circunstancias da vida, chegou a min despois de vinte anos da súa publicación ás portas do ano 2000.

O libro nos achega dun xeito máis real á vida de Santiago Bar Zebedeo dende a súa predicación por terras de Muxía e de Fines Terrae ata outros lugares de Hispania, o seu posterior martirio á volta a Palestina e a traída a estas terras, do confín do mundo polos seus discípulos Teodoro e Atanasio, nunha das barcas que se dedicaban ao transporte das pedras.

Tamén Ramón Allegue nos narra de maneira máis convincente como foi o descubrimento da tumba do Apóstolo. Así os discípulos por medo aos romanos agacharon a tumba de Santiago nun lugar coñecido como a "Selva dos Tamarices", perta de Iria Flavia, sitio ao que os romanos non se acareaban.

Pasaron os anos e os veciños nunha das aldeas que estaban perta do sepulcro viran unhas luces, e tal acontecemento llo comunicaron ao bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen se personou no lugar e aló se atopou con Pelagio, o derradeiro ermitaño dos que durante anos gardaron o mausoleo do Apóstolo. Outra das cuestións nas que incide Allegue e a de Santiago guerreiro montado nun cabalo e espada en man, cando el o único ao que subiu foi a súa barca de pescador e as únicas espadas foron os remos. lsto provocou que a figura de Santiago como peregrino case desaparecese ata o punto de que era máis coñecido neste sentido no estranxeiro.

Moitos sucesos podemos esculcar ao través do libro, como que Muxía e Finisterre teñan o protagonismo na historia de Santiago Bar Zebedeo, que se merecen por ser onde el comezou a predicar.

Só me queda engadir que o libro de Ramón Allegue merece todos os parabéns, mágoa que,como toda a súa obra, non sexa recoñecido.