Remata o curso 2019-2020, curso que empezou no noso centro, o CEE Saladino Cortizo, coa ilusión de celebrar o cincuenta aniversario do seu nacemento.

Unha data sinalada na que iamos a contar con moitos dos rapaces e rapazas que por aquí pasaron, as familias coas que convivimos e a meirande parte dos profesionais que traballaron aquí ao longo do tempo. De todos eles, hoxe quero destacar a Josefina.

Josefina empezou a traballar neste centro con vinteún anos, e hoxe vaise a xubilar. Creo que é de xustiza facer un pequeno recordatorio do que foi o seu traballo ao longo deste tempo, e da súa implicación coa atención integral aos rapaces e rapazas que por aquí pasaron, atendendo non so aos aspectos educativos, senón loitando porque tiveran unha vida mellor, tanto dentro coma fóra da escola.

A ela debémoslle a loita polas actividades de verán, os campamentos, os respiros, as actividades complementarias, a piscina, o deporte... e un sinfín de iniciativas que axudaron a mellorar a calidade de vida dos nosos rapaces e rapazas e das súas familias.

É unha satisfacción ver como as familias que con ela coincidiron ao longo do tempo, seguen téndoa na súa cabeza, como preguntan por ela cando nos atopamos e como sigue sendo un referente do centro.

Foi para min un pracer traballar con ela todos estes anos, vinte anos nos que puiden comprobar que aí estaba para todo o que se lle propuxera, sen dicir nunca que non a nada, apoiando tódalas propostas de mellora, loitando sempre polos intereses das familias, buscando recursos e axudando a aquelas que tiñan máis dificultades.

Vinte anos nos que aprendín que o traballo social nun centro coma o noso é todo o que lle axuda a facer a vida máis fácil aos rapaces e rapazas e as súas familias, ben sexa xestionar excursións, xestionarlle campamentos, conseguir recursos que melloren a súa vida, facer trámites nas distintas administracións, acompañalos nunha saída€

Para ela toda a miña gratitude por ensinarme, por colaborar no meu traballo e por axudar a facer un centro no que os rapaces e rapazas acaden o máximo nivel de desenrolo pero sexan, sobre todo, moi felices.

Para ela vai hoxe o meu aplauso ao que estou segura se suma toda a comunidade educativa do centro, os que están agora e os que aquí estiveron ao longo destes corenta e tres anos.

Que sexas moi feliz, pois merécelo e non esquezas que aquí tes a túa casa.