Ven o conto este título por mor doutra escrita a principios de xaneiro, asinada por Suso de Loira, de Cariño, e a súa,ao parecer, indignación porque o representante do Bloque no Congreso dos deputados empregara o "obrigado", de xeito "paleto, al más puro estilo lisboeta" segundo o escribinte (imaxino que considera paletos aos nados en Lisboa polo feito de falar portugués). Tamén amósouse ofendidísimo pola resposta de Pedro Sánchez, (daquela candidato) cun mesmo "obrigado". En principio parecería que o tal Suso de Loira estaría indignado co emprego da forma portuguesade dar as "grazas". Pero non, basta seguir coa lectura para decatarse de que o que destila nos seguintes parágrafos, dirixíndose aos "españoles de bien" é nin máis nin menos que un intransixente desprezo pola lingua galega, lingua que segundo el so falan en Galicia os fracasados e os tontos ou ben os adoctrinados pola Xunta, madia leva!

Non me quero estender demasiado tratando de confrontar co señor Suso de Loira, no que imaxino máis frustración que debate. Simplemente dicirlle por unha parte que "obrigado" en portugués, non ten sentido ningún de submisión, senón máis ben de cortesía, como, por outra parte, adoita ser o pobo portugués. E por outra parte o galego(lingua romance provinte do latín e recollido na provincia de Gallaecia) fálase en Galicia dende moito antes que se escribira o chamado Foro do Burgo de Castro Caldelas, para algúns o primeiro texto escrito recollido na nosa lingua, entregado no ano 1228. O galego hase converter en lingua escrita culta tanto nos reinos de Galicia e Portugal coma nos de León e Castela, tralo paso do latín. Na oralidade superou con moito a centralidade administrativa do poder político de Castela máis aló da Idade Media.

"Por número de falantes o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo, o lugar 23 entre as 150 linguas europeas e é a segunda lingua europea máis falada entre as non oficiais en ningún estado. O galego ten máis falantes que algunhas linguas oficiais europeas como eslovaco, esloveno, maltés, islandés e gaélico e, xunto con vasco e catalán, son as tres únicas linguas europeas non oficiais de estados que poden ser utilizadas nas institucións da Unión Europea". Non o digo eu, dino a Real Academia Galega. E eu síntome ben afortunado e orgulloso. Obrigado.