Pola Candolaria que na nosa tradición popular é cando casan os paxariños convocados pola asociación Vaipolorío, un fato de homes, mulleres e nenos no abrente dunha mañá anubrada imos ca escusa do día dos humedais, como todos os anos, facerlle unha visita as brañas no río que nos namora, o Gafos, coa inmensa alegría ao decatarnos que unha cadea de televisión de ámbito estatal, a sexta, pensara nun humilde río moito tempo esquecido para unha reportaxe para o seu noticieiro para lembrar esta data.

Dicía Álvaro Cunqueiro que Galicia ten tantos ríos que é moi difícil saberlle o nome, que unha cadea estatal tendo tanto onde escoller pensaran no Gafos, un río cativo cheo de aldraxes é motivo dabondo de orgullo para todos os que levamos no fardel da memoria o río dos tempos dourados da infancia. Polas beiras do río enchoupadas da auga caída nestes días baixa o río das sete enchentes, nestes días leva trazas de río grande cheo de pequenas fervenzas, imos paseniño camiñando escoitando as explicacións do profesor Amancio Castro que nos ía amosando a importancia que teñen para a natureza e todos nós a conservación e protección das Brañas do río Tomeza na contorna do Gafos que aínda permanecen sen degradar nun espazo aínda virxe a carón dun carballo senlleiro e dun estripeiro que se pensa que é o árbore mais vello do río. Escoitando o murmurio agora mais forte do río que baixa cheo e cantareiro e o balbordo e rechouchío dos paxaros que están de voda.

No camiño enchoupado na grisura das cores da invernia de súpeto, como pinceladas amarelas dun cadro de Van Gogh que rachan a tristura da paisaxe, aparecen ante nós no camiño unhas plantas con flores fermosísimas, os narcisos que se espallan polas ourelas do río póndolle cor a paisaxe uníndose as magnolias e camelias que florecen cando todo está murcho na súa loita por rachar ca monotonía dos verdes grises e ocres da invernia da paisaxe da Galiza.

Mágoa ca Moura da Poza, que é moi presumida, non nos saíra ao paso, seguramente non estaba peiteada e quería saír fermosa na televisión, foi unha magoa pois queriamos aínda que tiveramos que darlle unha becerra a cambio saber se por fin despois de cincuenta anos sen luz van destapar o tramo do río cuberto do Gafos ao seu paso por Campolongo. O Demo Asubiador, o trasno nugallán que habita no Gafos que está feito unha estrela dixo que senón estaba Greta el non asustaba a ninguén agora que saía nos libros de Carlos Solla tiña un prestixio e non perdía o tempo con calqueira. E así rematamos unha xornada festiva agardando que o día dos humedais e a conservación e coidado dos ríos sexan todo o ano, non un día determinado para quedar ben ca natureza.

Noraboa as xentes de Vaipolorío que seguen na teima de coidar e por en valor o río dos Gafos.