Chámaselle aldea a un asentamento humano localizado nas zonas rurais. As aldeas foron as unidades fundamentais das comunidades humanas na maioría das áreas do mundo ó longo da historia. Ten a súa orixe no periodo Neolítico, cando aparece a agricultura. A xente agrúpase para cultivar e criar os animais (Revolución neolítica). Cos anos empezaron a formarse as cidades. Aparece a sociedade preindustrial. Chega a Revolución Industrial e, en consecuencia, a Revolución Urbana.

Con estas devanditas revolucións houbo aldeas que foron incorporadas, engulidas, por dicilo así, ás veces polas urbes, e outras permaneceron coa súa característica propia.

Dun tempo para aquí estase a falar da "Galicia vacía", que significa que as nosas aldeas quédanse sen xente dunha forma alarmante. O problema vén de lonxe. A pena é que aínda se está a tomar conciencia agora do asunto, se é que se toma... A cuestión migratoria do campo á cidade está a causar masificación nas cidades e un abandono do rural, algo que confunde o benestar e deshumaniza.

A xente da aldea temos dereito a vivir nela, pero con todo aquelo necesario que poida dignificarnos como persoas que somos. Esta xentiña sempre foi abandonada polas adminitracións, traballando como escravos na procura de criar e cultivar para moitos lambóns?, que os tiñan en desprezo ó non lle dar a axuda necesaria, que merecían e que era de xustiza.

O sector primario (por algo se chama así) é a base da nosa subsistencia. O cuidado e atención del é fundamental para a nosa saúde física e ata mental. A debilidade humana dos que mandan fainos cegos diante desta gran verdade.

Por todo esto, quero que a xente volva traballar no campo cultivando e recollendo os froitos, criando os animais co cariño de sempre, dunha forma digna. Tamén quero volver oír cantar os galos (e que algúns dos que veñen a vivir da cidade saiban aprezar o seu canto e non se sintan molestos). Quixera ver compartir as labores desta terra nunha feliz convivencia da veciñanza. É merecido no fomento dunha xustiza social.