Entre o constante bombardeo de noticias notei ultimamente que unha delas me atraía con especial interese. Velada polos catastróficos e perigosos incendios das paradisíacas illas Canarias, unha noticia aínda máis preocupante loita por saír á luz, axudada polas redes sociais e polo usuarios realmente preocupados. Refírome ás decenas de miles de incendios que asolan a selva amazónica. É moi soada unha imaxe sacada pola NASA de América do Sur, cun punto vermello sobre cada foco, ante a que todos pronuncian un son de medo ou de rechazo, pero que cedo esquecen para deixar paso á súa vida cotiá.

Eu quero conservar algo de esperanza, pero que facer ante a indiferenza case unánime? Que responder ante os "que mágoa", "é unha pena", "deberan actuar xa"? Sinto moita impotencia ao ver isto, e o peor é que eu tampouco fago todo o necesario, polo que sinto tamén vergoña.

Mentres unha das maiores reservas de fauna e flora arde como se queima un papel calquera nunha fogueira, tan rápido que dá terror só de pensalo, nós estamos pensando en como a reunión do G-7 en Francia pode fastidiar as nosas vacacións, en como actuará o noso presidente en funcións para non ter que volver a votar ou, o peor de todo, en como a chegada de refuxiados prexudicará o país. Pois ben, señoras e señoras, preocúpense agora diso, que no futuro os seus fillos e netos teranse que preocupar de emigrar eles, de buscar un país que os acolla, porque os campos están secos, a auga é tan escasa coma o ouro e as árbores son unha especie exótica.

Hai unha frase moi lírica que sempre tiven en conta, que me produce un arrepío cada vez que a leo. "Convertede unha árbore en leña e poderá arder para vós, pero xa non producirá flores". Aquí Antonio Gaudí foi quen de advertirnos, e igualmente advírtennos milleiras de personalidades e expertos. Sen embargo, o presidente de Brasil segue sendo Jair Bolsonaro e o de Estados Unidos Donald Trump, que se obcecan en que o cambio climático é unha farsa. Ben, pois pensade así, e o día que vexades o ceo vermello, o chan seco e o aire quente coma un sol ardente poderedes darvos conta do voso erro.