O pensamento na historia quere buscar os tempos que lle fixeron memoria polo ben recoñecidos no favor dunha existencia.

Lembremos a frase proverbial de Jorge Manrique, xa alá polo século XV: "Cualquier tiempo pasado fue mejor". Isto quere dicir que se estraña o que se perdeu, aquilo do que non se pode disfrutar. Chamémoslle tamén morriña, algo propia da nosa idiosincrasia.

É lóxico que se diga que esta evocación nostálxica de tempos anteriores é de quen cumpliu xa anos e, xunto coa xuventude perdida, bota de menos outras cousas e costumes que considera preferibles ás presentes.

Á marxe de todo o denantes dito, hai cousas que ben seguro tiñan que volver, e poñerlle as condicións necesarias para que duren sempre nos tempos.

Os humanos que habitamos a terra necesitamos vivir nunhas circunstancias onde todos os seres dos reinos da natureza temos que ser cómplices coa nosa supervivencia.

Por iso quero volver a mirar?: niños con paxariños que oíamos piar ó pasar pola campiña, montes con flores sen broza onde corrían coellos, lebres, perdices e cotovías... Quero mirar máis bandos de andoriñas e vencellos que trinan, voan raudo e limpan o aire de bichos. Quero mirar verdes veigas e trigais maduros que tanta fame mataron.

Quero mirar ríos e regatos pequenos onde se poida beber coa conca das mans.

Quero que moitas cousas volvan, sen nostalxia, para mirar unha natureza pura e fructífera que nos faga máis sans e a disfrutemos todos na súa paz.

Cástor Rodríguez González