Na xeira patria saíu o sementador ó seu traballo. Con "aquel de señorío" e nimbos de paixón e de misterio. Desde as fonduras da terra cántalle a el o corazón cancións podentes e secretas. Voan así rítmicamente ó ar sementes dunha antiga e dourada historia que tenta e sabe de novo xermolar.

É o día veranceiro da patria nosa. Aquela que violentos e fachendosos quixeron acoitelar ou anestesiar pra lle zugar o seu sangue branquiazul. Mais non. Rebule ela e ferve na consciencia da semente, que a impulsos do sementador volve sempre agachar na terra o seu sono sosegado de vida e afirmación.

Paciente, sereno e afoute camiña pisando cos seus pés nus a terra mol labrada o sementador. A xeos e quenturas afeito, sabe que o porvir se asenta na carne sufrinte e acolledora da lentura da terra nosa.

É así como o noso pasado e mailo porvir se apertan en singular esforzo por recrear a nosa verdade, aquela que declararon mentira e baleiro soño cantos quixeron arrebatarnos a nosa historia e inocularnos en troques a súa.

El, o sementador, irmandado co vento, coa terra e co ceo espalla en son cantareiro e firme o sagrado presente que as xeracións pasadas se esforzaron en legarnos en herdanza.

Sementes que portan dores e cantos e mais unha vella, bela e recendente lingua, testemuña perenne e firme dos fondos e íntimos vencellos que compartimos. Foron reis e humildosos devanceiros nosos os que a acolleron e levaron nos seus beizos e nos arcanos segredos dos seus corazóns.

Da man xenerosa e visionaria do sementador xorden, pois, coma perdices en xentil bandada, os rexos xermolos nos que se asenta o noso porvir. Pacientes e asemade afoutos, estamos todos chamados a sermos sementadoras e sementadores dun futuro que se prenuncia nun horizonte nimbado de roibéns.

Ultreia, logo! Que ninguén garde no seu peito ou no seu peto, condenándoa así a infértil morte, a voadora semente que en si mesmo está a portar, aquela que ten ás e pulos de crear e recrear un porvir fermoso e necesario para a nosa Terra.

Para que non se poida endexamais volver escoitar aquilo, triste e magoante: " a nosa Terra non é nosa, rapaces".