No pasado ano adicado ao poeta Manuel María, un fato de veciños pensaron que un xeito de homenaxear ao poeta da natureza que lle cantaba aos ríos, aos muíños e aos paxaros merecía que un pequeno recuncho de natureza na nosa cidade levara o seu nome e pensaron na derradeira carballeira que queda no casco urbano, a carón dos Gafos, onde ao río lle roubaron a luz cando o taparon e alí colocaron un cartel de "Carballeira Manuel María Poeta da Natureza", un recuncho con encanto moi frecuentado polos cidadáns nos seus paseos, na compaña do murmurio do río coa sombriza dos carballos, ameneiros e loureiros, etc.

O cartel durou o que dura un inverno, xa non está. Non sei a quen lle puido molestar que un espazo levara o nome dun poeta a carón dun río moi semellante ao de onde naceu, do cal escribía que no verán tocaba o fondo coa man como o noso Gafos, o río máis maltratado e con máis agresións medioambientais ao que lle roubaron nun tramo a súa luz. Agora tamén o deixan sen a compaña do poeta que escribía e defendía os ríos aínda que foran pequenos e maltratados e que a ninguén parece importarlles.

Velaí a tristeza do río cando é abril e reverdece a herba das orelas e medra o fiuncho e recende a mentrasto e loureiro, axiña han florecer os narcisos e lirios e chegarán as volvoretas e xoaniñas da sorte cando xa non é tan alegre o canto do xílgaro e o paporrubio, xa fuxiu do lugar unha garza que nun tempo frecuentou a carballeira e vixiaba dende as polas dun xigantesco cedro a carón do cartel do poeta, xa non estaba a gusto nun espazo que alguén non quere que se chame co nome do poeta que os defendía e escribía deles.

Din os veciños con sensibilidade que non se renden e volverán colocar outro cartel agardando que non o volvan sacar. Supoñen que foi unha gamberrada que non se volverá repetir, pois pensan que un recuncho tan pequeno que teña o nome dun poeta nunha sociedade cun mínimo de sensibilidade cultural a ninguén tiña que molestar, ninguén merece semellante aldraxe e menos un dos máis grandes poetas nosos. Remato como escribía a nosa Rosalía: "Triste é o cantar que cantamos pero que hei facer se outro millor non hai".